O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a convocatoria vai dirixida a persoas maiores de 60 anos e ofrece estancias de 10 días entre xullo e decembro en 15 instalacións de toda Galicia
Lugo, 26 de xuño de 2024. A Xunta ofrece 19 quendas en catro establecementos da provincia de Lugo dentro do programa Benestar en Balnearios, que conta con máis de 1.230 prazas en 15 instalacións de toda Galicia.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe un dos aloxamentos adheridos, o Hotel Balneario de Lugo, para informar desta iniciativa, dirixida a persoas maiores de 60 anos. As inscricións poden realizarse ata o 17 de xullo, preferentemente online a través da sede electrónica da Xunta ou ben de forma presencial nos rexistros oficiais.
Na provincia de Lugo tamén participan os balnearios de Guitiriz, Augas Santas de Ferreira de Pantón e Río Pambre de Palas de Rei. O programa ofrece estancias de dez días en réxime de pensión completa. A Xunta financia ata o 45% do custo total.
O Goberno galego destina a esta convocatoria un orzamento de 300.000 euros, un 9% máis que na pasada edición, co obxectivo de fomentar que as persoas maiores leven unha vida activa.
Este ano tamén aumentan as quendas e inclúen os meses de verán, de maneira que aquelas persoas que así o desexen poidan desfrutar deste programa dende o mes de xullo ata decembro.