As da Mariña dominaron o partido e acariñaron a vitoria no último minuto da prórroga, pero a 15 segundos do final igualou a contenda o Futsi
Burela, 15 de xuño, 2024. O conxunto feminino do Pescados Rubén Burela terá que gañar o vindeiro sábado en Navalcarnero (12.00 horas, Teledeporte) se quere que a final da Primeira División Iberdrola regrese a terras mariñás e se decida, previsiblemente o mércores 26, en Vista Alegre. As Pícaras dominaron moitos tramos do primeiro partido da serie diante dun Futsi Atlético Navalcarnero que esperaba acazapado atrás para xerar perigo saíndo á contra. Os pequenos detalles terminaron desequilibrando a balanza do lado madrileño. Un gol de Antía Pérez cando só restaban 46 segundos para a conclusión da prórroga púidolles dar o primeiro punto ás de Julio Delgado, pero igualaron a 15 do final as atléticas cun tanto de Ju Delgado. Na quenda de penaltis, as visitantes estiveron un pouco máis acertadas e levaron o gato á auga.
O encontro comezou cun Futsi máis asentado e probando a Caridad con disparos de Irene Córdoba e Ju Delgado que a meta de Sanlúcar liquidou sen problemas. Non puido facelo xa no minuto 7, cando Becha lle ganaba as costas a Noelia Montoro nun balón longo dunha das irmás Córdoba e nunha boa acción de pívot marcaba a arxentina á reviravolta por baixo das pernas da porteira burelista.
O gol espabilou ás locais, aínda que o tanto do empate non chegaría ata o epílogo do primeiro tempo. Antes buscárono Irene Samper e Noelia Montoro con senllos disparos diante os que interveu Marta Balbuena. No primeiro fíxoo en dous tempos e no segundo sacando un bo pé. A muleña tivo posteriormente outra boa ocasión, tras unha fantástica triangulación con Irene Samper e Dany, pero non puido concretar entre os tres paus nun remate case a porta baleira.
Patricia, no minuto 14, e Emilly, segundos máis tarde, buscaron tamén o tanto da igualada, pero volveron atopar á internacional Marta Balbuena, a mellor do Futsi neste primeiro envite. No 16 chegaría a ocasión máis salientable das locais, nun envío de Emilly que Antía remataba de cabeza ao pau. O Pescados Rubén Burela non esmoreceu no seu empeño de buscar a igualada, co conxunto navalcarnereño xa con cinco faltas, e un disparo de Emilly desde uns doce metros íase rozando o pau. Foi o preludio do empate, xusto antes de que Caridad lle quitase un man a man a Leti. Xa no último minuto, unha saída dun córner era resolta cun zapatazo cruzado de Emilly desde uns 14 metros diante o que nada podía facer Marta Balbuena.
Tralo paso polos vestiarios, o cadro mariñán seguiu controlando o partido e dispuxo de todas as ocasións. O Futsi só inquietou cun lanzamento desde campo propio de Ari que a punto estivo de sorprender a Caridad. Corría o minuto 27 cando as Pícaras se poñían por diante por primeira vez nunha incursión pola á dereita de Emilly que acaba coa brasileira soltando un disparo que non podía deter a cancerbeira madrileña nin desviar fóra da portería María Sanz.
Duroulle menos dun minuto a ledicia ás locais, xa que María Sanz resolvía á terceira unha acción na que Caridad interveu dúas veces, a segunda nunha estirada espectacular, diante remates de Lora e Irene Córdoba. A última antes da prórroga tívoa no minuto 33 Emilly, pero o seu disparo foi desviado coa biqueira da bota por Marta Balbuena. Os dous equipos baixaron de revolucións a partir de aquí e tamén nunha prórroga de moito control que só se animou no último minuto.
Neses instantes finais, Antía Pérez adiantaba ás mariñás cun marabilloso remate á escuadra tras unha gran parede con Dany. Restaban só 46 segundos, pero Futsi, xogando con María Sanz como porteira-xogadora, tivo tempo de empatar. Fíxoo a 15 segundos da conclusión tras unha boa combinación que resolvía a porta baleira no segundo pau Ju Delgado.
Nos penaltis, Emilly lanzaba o primeiro ao traveseiro e un espectacular paradón de Caridad a María Sanz enviaba a quenda á morte súbita, onde as atléticas Ju Delgado e Lora non fallaban. Tampouco o facía a laranxa Patricia, pero si Cilene, que, nunha acción de verdadeira mala sorte, vía como o seu disparo pegaba nos dous postes da portería que defendía nese momento Bea Parrón e deste xeito o punto marchaba para Navalcarnero.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 3-3 (5-6 nos penaltis) Futsi Atlético Navalcarnero
Pescados Rubén Burela FS (3): Caridad; Cami, Irene Samper, Emilly, Dany -quinteto inicial-, Noelia Montoro, Patricia, Antía Pérez, Rafinha, Cilene e Ana Eliza (ps).
Futsi Atlético Navalcarnero (3): Marta Balbuena; Lora, Irene Córdoba, Laura Córdoba, María Sanz -quinteto inicial-, Leti, Anita Luján, Ju Delgado, Ari, Becha, Bea Parrón (ps) e María Moreno.
Goles: 0-1, min. 7: Becha. 1-1, min. 20: Emilly. 2-1, min. 27: Emilly. 2-2, min. 27: María Sanz. 3-2, min. 46: Antía. 3-3, min. 46: Ju Delgado.