O candidato Francisco Millán Mon reitera o seu compromiso de reverter este veto ou, polo menos, excluír ao palangre dado que “o seu impacto no fondo mariño é practicamente inexistente”
Burela, 4 de xuño de 2024. O Partido Popular de Galicia insiste na súa demanda de que a Comisión Europea cree nesta próxima lexislatura un comisario específico de Pesca para que as políticas comunitarias neste eido non estean sometidas exclusivamente a criterios medioambientalistas e garantan o equilibrio co sector: “O futuro do planeta ten que ser verde e o do mar, azul; pero non a costa de que o futuro da nosa xente do mar sexa negro”.
Así o manifestou esta mañá o candidato do PP ao Parlamento Europeo Francisco Millán Mon nunha visita á confraría de pescadores de Burela, que na súa opinión exemplifica as consecuencias negativas para a frota galega e para a Mariña lucense de decisións como foi o veto á pesca de fondo.
“Este veto foi o resultado de primar os intereses dos peixes fronte aos dos pescadores e ademais non se fixo ben: nin contou cun estudo de impacto nin distinguiu entre dúas artes tan diferentes como o arrastre e o palangre”, afirmou amosando o seu compromiso de reverter este veto ou, polo menos, excluír ao palangre dado que “o seu impacto no fondo mariño é practicamente inexistente”.
Neste sentido, a existencia dun comisario específico de Pesca, tal e como propón o PP no seu programa electoral, sería a garantía de que “as políticas pesqueiras europeas non estarían sometidas exclusivamente a criterios próximos ao ecoloxismo radical, senón que recollerían as necesidades e preocupación da xente do mar e defenderían os seus intereses”.
“A FROTA GALEGA É A QUE MÁIS E MELLOR PROTEXE OS MARES”
Pola súa banda, o responsable de Mar no Goberno galego, Alfonso Villares, afondou nesta cuestión defendendo que a frota galega é a que “máis e mellor conserva os mares e protexe os seus ecosistemas” e incidiu no moito que o sector mar-industria da nosa Comunidade se xoga nas eleccións europeas.
Compartindo a necesidade dun comisario europeo específico de Pesca, recordou que o actual comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevičius, foi un dos promotores deste veto e que pertence ao grupo parlamentario europeo no que se integra tamén o BNG.
Reiterou tamén o seu compromiso de continuar defendendo os intereses da frota galega, como demostra o feito de que o Goberno galego é parte coadxuvante no recurso interposto polo sector contra o veto á pesca de fondo.