Site icon Crónica3.com A Mariña

O PPdeG asegura que o BNG “é capaz de manifestarse esixindo a continuidade de Alcoa ao mesmo tempo que collen a pancarta contra o parque eólico que subministrará enerxía á factoría”

Rubén Lorenzo lembrou que a viabilidade desta empresa “depende de ter acceso a un prazo da enerxía competitivo e estable”

Compostela, 28 de xuño de 2024. O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, criticou hoxe no Parlamento galego a “desvergoña” do BNG porque “son capaces de reunirse co comité de empresa e manifestarse cos traballadores de Alcoa esixindo a continuidade da fábrica ao mesmo tempo que collen unha pancarta en contra do desenvolvemento dos parques eólicos que subministrarán enerxía eléctrica a esta factoría da Mariña lucense”.

No debate esta mañá dunha proposición non de lei do BNG a través da que se solicita unha nova exposición pública por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica do proxecto do parque eólico do Barqueiro, que atrasaría aínda máis a posta en marcha desta iniciativa enerxética vinculada a Alcoa, Rubén Lorenzo lembrou que a viabilidade desta factoría “depende directamente de ter acceso a un prazo da enerxía competitivo e estable, que permita manter a actividade e o emprego”.

RETRASAR E INFLUÍR NA TRAMITACIÓN

Deste xeito, lamentou que o BNG “pretenda retrasar e influír na tramitación deste parque eólico que, a efectos normativos, ten perfectamente taxados os motivos que consideran se unha modificación é substancial e conleva repetir a exposición a información pública, como piden nesta iniciativa parlamentaria”.

O portavoz popular lembrou que o parque eólico do Barqueiro solicitou inicialmente autorización para xerar 150 MW de potencia eléctrica e finalmente serán 126 MW. Ao pasar dos 50 MW, trátase dun parque eólico de tramitación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, que xa concedeu a correspondente autorización administrativa previa, tendo en conta a súa vinculación co subministro de enerxía renovable a prezo competitivo á factoría de Alcoa en A Mariña.

Rubén Lorenzo pediu ao BNG “respecto para os empregados públicos, tanto pertencentes ao Ministerio como á Xunta de Galicia, que se encargan de elaborar os correspondentes informes técnicos porque, moito a pesar dos nacionalistas, desenvolven o seu traballo dun xeito impecable co único obxectivo de protexer o noso territorio aplicando a lei vixente”.

Exit mobile version