O vicepresidente do PP lucense e deputado nacional, Francisco Conde, o responsable autonómico de Mar, Alfonso Villares, e a presidenta do PP de Vilalba interviron no mitin da Terra Chá
“O Partido Popular sempre defendeu que a transición enerxética é unha oportunidade se se fai ben, gradualmente e favorecendo que a súa integración no sistema eléctrico sexa o máis eficiente posible”, explicou.
O popular tamén lembrou a política industrial do BNG poñendo como exemplo Alcoa: “polas mañás din defender os postos de traballo co comité de empresa e pola tarde opóñense aos parques eólicos que ofrecerían á factoría enerxía a prezos competitivos”.
Ante a “incerteza das políticas de PSOE e BNG”, Conde convida a votar o vindeiro domingo á candidatura do PP en Europa. Algunhas das medidas que propón o Partido Popular en materia de industria pasan por garantir enerxía a prezos competitivos para que as empresas europeas poidan competir coas doutros países, máis transparencia e eficacia na xestión de fondos europeos para que cheguen á economía real das empresas do noso país, máis facilidades para a internacionalización de proxectos e menos burocracia para PEMES e emprendedores. Tamén apostan por acelerar as redes que conectan con Europa coma o Corredor Atlántico ou atrasar a prohibición de vehículos de motor de combustión ata garantir a cobertura eléctrica e a capacidade de compra das familias.
O popular tamén quixo lembrar que “o BNG non conta toda a verdade aos galegos e lucenses: oculta aos seus socios de ERC e Bildu nas papeletas”. Pero, “dende o Partido Popular queremos ser transparentes e advertir a tódolos veciños da provincia de quen son os socios da candidata nacionalista”. Ana Miranda non é a nº1, senón a nº3 da candidatura Agora Repúblicas. Polo tanto, “os votos a esta formación non garanten representantes en Europa que defendan a Galicia”.
O PP recolle no seu programa a reforma da Ley electoral para poñer fin ás ‘papeletas trampa’ coas que os partidos nacionalistas ocultan os candidatos doutras formacións doutras rexións.
UN COMISARIO PROPIO DO PP PARA AGRICULTURA E PESCA
Pola súa banda, o responsable de Mar do Goberno galego, Alfonso Villares, pediu o voto para a candidatura do Partido Popular, pois “só podemos ter un sector primario forte con políticas europeas que sexan útiles ás familias que viven do campo e da pesca; dous dos colectivos máis importantes na economía da nosa provincia”. Deste xeito, o responsable autonómico apelou “a volcarnos masivamente este domingo co PP” para ter unha PAC e unha PPC que garantan o futuro dos sectores agrogandeiro e martítimo-pesqueiro. “Só así poderemos ter unha agricultura e unha pesca sostibles”, indicou.
A este respecto, e xa dende unha perspectiva máis local, Villares puxo en valor a actividade gandeira existente na comarca da Terra Chá, como así o reflicten os datos. Segundo o último censo do Instituto Nacional de Estatística (IGE), esta comarca conta con 2.641 explotacións, das que a maior parte están situadas en tres concellos: Vilalba (581), A Pastoriza (382) e Guitiriz (340).
Neste caso, a aposta do Executivo de Alfonso Rueda, “é clara e dilixente”. O pagamento por ecorrexímes da PAC cubrirán en Galicia cerca de 23.000 solicitudes na actual campaña, cun importe de case 15 millóns de euros, a pesares de que a Política Agraria Común “está máis deseñada pensando no sur de España que mirando a Galicia”. Por iso, engadiu: “estas eleccións son totalmente decisivas para que se corrixan as deficiencias e a PAC non sexa un obstáculo para o noso rural”. O responsable autonómico, volveu a poñer así o foco na necesidade de que tanto a pesca como o agro conten cun Comisario propio do Partido Popular.
MOBILIZACIÓN POLO SI AO SENTIDIÑO E NON ÁS POLÍTICAS DE SÁNCHEZ
A presidenta do PP vilalbés, Sandra Vázquez, chamou á “mobilización” para este domingo 9 de xuño para dar “unha resposta clara” coa que “trasladar a Europa as políticas do sentidiño que Galicia corroborou nas urnas fai algo máis de tres meses cunha maioría absoluta do presidente Rueda” e “dicir que non ás políticas de Sánchez en España”.
Vázquez subliñou que “o PP é a formación que mellor defende os intereses dos galegos en Europa” fronte a outras formacións. Así, puxo como exemplo “as políticas fracasadas que levan o selo do PSOE e do BNG”.
Concretamente, “é precisamente a cabeza de lista dos socialistas ás europeas, Teresa Rivera, a que levou ao peche da central térmica das Pontes que temos aquí ao lado e que supuxo que a día de hoxe centos de traballadores e transportistas estean sen traballo polo empeño do PSOE nunha transición ecolóxica abrupta”.
Así mesmo, engadiu que “tamén a ela lle debemos que o lobo teña máis dereitos que as persoas” e tamén foi idea do PSOE que “teñamos que rexistrar os galiñeiros como se foran zoolóxicos”. A popular quixo lembrar tamén que “os verdes -socios do BNG en Europa- propoñen prohibir cocer o marisco vivo, unha medida que prexudica directamente a Galicia”.
Á vista de que en Europa se deciden as políticas que afectan a dous sectores importantes para a provincia e para Galicia como son o agrogandeiro e o do mar, Vázquez pediu o voto para o Partido Popular.