Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP denuncia “o intento de PSOE e BNG de tecer unha rede de funcionarios afíns nas administracións que controlan para tentar perpetuarse na presidencia da Deputación”

Os deputados populares ensalzan e sorpréndense da calidade, capacidades académicas e de oposición dos membros do gabinete de PSOE e BNG: “é, cando menos curioso, que as dúas mellores notas correspondan a dúas traballadoras do gabinete de Tomé na Deputación”

Lugo, 4 de xuño de 2024. “É curioso ver que as mellores notas nos últimos procesos selectivos de persoal realizados pola Deputación por algún concello gobernado polo PSOE son de persoal propio do gabinete da presidencia da Deputación”. Así o afirmaba Antonio Ameijide tras coñecer que as dúas mellores notas no proceso de selección para unha praza de técnico de comunicación audiovisual do ente provincial é de dous traballadores eventuais do gabinete de José Tomé.

O voceiro provincial popular explicou que “non dubidamos da capacidade e da calidade académica” destas persoas pero “si que é, cando menos curioso, ver como noutro proceso selectivo orquestrado polo PSOE é o seu persoal o que acada a mellor puntuación”.

Unha situación que fai reflexionar aos populares é afirma que “está situación non nos estraña xa que están a seguir a folla de ruta marcada hai anos por outro expresidente socialista, José Ramón Gómez Besteiro”. “Non imos a dicir que a copiaron, pero si que a están a seguir con todo detalle”, afirmou.

Para Ameijide esta estratexia, no caso de confirmarse, obedecería ao intento de Tomé por tecer unha rede de funcionarios afíns dentro da Deputación de Lugo para tentar perpetuarse na presidencia provincial e naquelas administracións que dirixen.

NON É O PRIMEIRO CASO

O certo é que non é o primeiro caso que se produce e Ameijide recorda como hai unhas semanas o propio xefe de gabinete de Tomé era un dos tres admitidos no proceso selectivo de persoal interino para o desempeño de posto de secretaría-intervención no Concello de Antas de Ulla, no que é alcaldesa Pilar García Porto.

Neste proceso, do que os populares están vixiantes, xa se realizaron varias das probas selectivas e “estamos expectantes por coñecer cal dos aspirantes é o que a consegue” xa que un dos tres admitidos é o seu xefe de gabinete na Deputación que, a súa vez, é fillo dunhas das edís do goberno socialista de Monforte e irmán dun dos licitadores a un contrato da Deputación valorado nun millón de euros.

Un proceso selectivo no que outra das aspirantes admitidas xa traballara con anterioridade, e durante varios anos, como secretaria accidental no Concello de Monforte de Lemos con José Tomé como alcalde.

Tamén recordan os populares outro caso moi chamativo, como a decisión de nomear xefa do servizo de contratación a unha funcionaria interina, é dicir, sen a praza en propiedade, por diante doutros funcionarios de carreira e con moitos máis anos de experiencia. “A decisión de colocar a Sonia Méndez á fronte dese servizo foi unha declaración de intencións do que estaba por vir”, sentenciou.

POSTURA DO BNG

Antonio Ameijide denuncia o “silencio cómplice” do BNG, socio de goberno do PSOE na Deputación de Lugo. “Teñen dúas opcións antes si: calar e ser cómplices de todas estas estratexias ou dar un golpe sobre a mesa e poñer fin a estas inxustizas”.

Exit mobile version