Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP esixe á Deputación desbrozar a maleza das estradas provinciais en Barreiros

Dende o PP instan á Deputación a complementar esta actuación co bacheado das estradas e o repintado das mesmas xa que “en moitos puntos non hai separación entre carrís nin da beiravía”

Barreiros, 27 de xuño de 2024. Agora que xa comezou o verán e xa chegaron os primeiros turistas ás zonas de praia da provincia, “urxe que a Deputación realice os desbroces” nas estradas provinciais de Barreiros xa que a maleza invade a calzada en numerosos puntos, “aumentado o perigo ao diminuír considerablemente a visibilidade e obrigando aos peóns a invadir os carrís de circulación”.

Os deputados Antonio Ameijide e José María Fernández, xunto ao voceiro popular en Barreiros, José Manuel Gómez Puente, comprobaron como a vexetación provoca estas situacións de perigo, invadindo os carrís de circulación e practicamente pechando as zonas para o tránsito de peóns.

Antonio Ameijide lamenta que “un ano máis o goberno provincial vai tarde cos desbroces das estradas provinciais”, o que é “unha mostra máis da falta de traballo e dilixencia de socialistas e nacionalistas no mantemento das estradas en toda a provincia”.

Os populares revisaron o estado de varias estradas provinciais en Barreiros, como a LU-P-0601 (de San Cosme de Barreiros á Ría de Foz) ou a LU-P-0610 (enlace praias de Altar e Reinante á glorieta As Catedrais). “Estas son dúas das estradas máis transitadas no verán porque conectan varias praia entre si ademais de conectar co casco urbano de Barreiros e a vexetación invade as beiravías en case todos os puntos, así como os carrís de circulación e cubre parte da sinalización”, explicou, polo que “por seguridade” cómpre realizar de inmediato os desbroces.

Nestes meses a poboación dos municipios da Mariña, como o de Barreiros, multiplícase e estes concellos non se poden permitir a imaxe que se transmite aos turistas: “que dirán estes visitantes aos seus familiares e amizades cando regresen aos seus fogares?”.

Uns traballos que se debería de complementar co bacheado destas estrada e o repintado das mesmas xa que en moitos puntos non hai separación entre carrís.

Exit mobile version