Os concelleiros do PP enumeran, entre outras deficiencias: suciedade e falta de pintura no muro do paseo, en catro das cinco pérgolas, farois e baldosas rotas, bancos deteriorados, herba sen rozar, fochancas na estrada paralela -especialmente na confluencia entre o parque Pernas Peón, o campo de fútbol de Cantarrana e o paseo-, pintadas nas duchas ou luminarias e varandas do espigón inexistentes
Viveiro, 4 de xuño de 2024. O Grupo Municipal Popular ten moi presentes as necesidades de Viveiro. Unha delas son “as deficiencias causadas polo abandono por parte do goberno municipal e a falta de mantemento dun dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade: o paseo de Covas”. Así, os concelleiros esixirán ao goberno municipal no pleno deste mércores que “adopte as medidas necesarias para reparar os numerosos danos do paseo marítimo de Covas e que se corrixan esas deficiencias”.
Os populares destacan que “o paseo marítimo de Covas é considerado un dos paseos costeiros máis importantes da xeografía galega e, ademais, é unha zona moi transitada durante todo o ano tanto por veciños como por visitantes”.
Os concelleiros explican que “entre a ponte da Misericordia e as proximidades da praia de Seiramar -a pesar da inmellorable contorna- apréciase un deterioro, cada vez maior, a consecuencia dunha clamorosa clamorosa desatención e dunha falta de mantemento por parte do goberno local durante anos, algo que non resulta comprensible ao tratarse dun escaparate e un espazo representativo da nosa cidade”, engaden.
O Grupo Municipal do PP advirte tamén da mala imaxe das pérgolas: “a suciedade e un aspecto ennegrecido pola falta de pintura son unhas constantes ao longo do muro que separa o paseo da praia, algo que se fai patente nas pérgolas do paseo. Das cinco que hai, soamente se pintou unha quedando as outras catro cun aspecto manifestamente mellorable”.
Tamén sinalan dende o PP local a existencia de “farois rotos, bancos de pedra deteriorados -algún tamén roto-, ou zonas axardinadas ao longo de todo o paseo con herbas altas sen rozar ás portas do verán. E tamén vemos como bastantes baldosas do paseo están rotas ou deterioradas”.
“Por se fora pouco, os condutores tamén sofren as fochancas no firme da estrada que discorre paralela ao paseo pola avenida Luis Cebreiro que se aprecian especialmente no tramo adxacente ao parque Pernas Peón e ao campo de fútbol de Cantarrana e, máis aínda, nas proximidades do cruzamento que une o parque, o campo e o paseo. E a sinalización horizontal e os pasos de peóns necesitan unha capa de pintura e algúns sinais verticais tamén necesitan mellora”, engaden.
Outras deficiencias que enumeran dende o PP son as pintadas das duchas da praia “que non dan a mellor imaxe” ou varias luminarias dos laterais do chan do espigón que xa non funcionan e bastantes varandas que separan o paseo das rochas que están partidas ou desaparecidas “co consecuente perigo que iso pode supoñer”, advirten.