Os concelleiros advirten do “desgaste do pavimento” que se atopa en peor estado “nas zonas que coinciden cos enlaces dende outras estradas ou pistas”
Os populares explican que “o pavimento está desgastado” puntualizando que “onde está en peor estado é nas zonas que coinciden cos enlaces dende outras estradas ou pistas”.
O PP laurentino recorda que “esta vía é unha das principais conexións de titularidade estatal das que dispoñen os veciños e veciñas do concello para desprazarse a outros núcleos próximos como poden ser Barreiros ou Mondoñedo”. E, do mesmo xeito, é empregada a diario por usuarios de concellos da zona para desprazamentos de media distancia como alternativa á A-8.
Os populares inciden na importancia de desenvolver labores de mantemento e conservación atendendo a un plan plurianual que permita manter en bo estado esta vía de comunicación ao longo do tempo.
Segundo o PP local, as vías de comunicacións son “esenciais para o desenvolvemento económico e social do municipio”. Así, agardan que “o goberno municipal sexa sensible” coa petición e traslade esta demanda ao Goberno de Pedro Sánchez “da súa mesma cor política”.