Os concelleiros advirten do “desgaste do pavimento” que se atopa en peor estado “nas zonas que coinciden cos enlaces dende outras estradas ou pistas”
Lourenzá, 24 de xuño de 2024. O PP de Lourenzá advirte do deterioro da estrada nacional N-634 ao seu paso polo termo municipal laurentino polo que convidan ao goberno municipal a dirixirse ao Goberno do Estado para reclamar a mellora do seu firme e da súa sinalización para garantir a seguridade dos usuarios e usuarias.
Os populares explican que “o pavimento está desgastado” puntualizando que “onde está en peor estado é nas zonas que coinciden cos enlaces dende outras estradas ou pistas”.
O PP laurentino recorda que “esta vía é unha das principais conexións de titularidade estatal das que dispoñen os veciños e veciñas do concello para desprazarse a outros núcleos próximos como poden ser Barreiros ou Mondoñedo”. E, do mesmo xeito, é empregada a diario por usuarios de concellos da zona para desprazamentos de media distancia como alternativa á A-8.
Os populares inciden na importancia de desenvolver labores de mantemento e conservación atendendo a un plan plurianual que permita manter en bo estado esta vía de comunicación ao longo do tempo.
Segundo o PP local, as vías de comunicacións son “esenciais para o desenvolvemento económico e social do municipio”. Así, agardan que “o goberno municipal sexa sensible” coa petición e traslade esta demanda ao Goberno de Pedro Sánchez “da súa mesma cor política”.