Os concelleiros do PP urxen actuacións para garantir a seguridade viaria e tamén para evitar que o seu mal estado afecte á economía local; xa que moitos veciños doutras localidades poderían deixar de usala e de achegarse a Vilanova para achegarse a servizos comerciais e de restauración
Os populares recollen as queixas dos veciños da zona e usuarios e advirten de varias deficiencias que poden supoñer riscos para a seguridade dos seus usuarios como son os grandes buratos que se suceden ao longo da vía que dificultan a circulación e aumentan o risco de sufrir accidentes, ademais da posibilidade de danar os vehículos.
Os concelleiros do Partido Popular tamén sinalan que na parte urbana da vía, onde conta con beirarrúas, estas se atopan sen acondicionar: cheas de residuos e con zonas de maleza.
O PP laurentino subliña a importancia de manter en bo estado as vías municipais principalmente “por seguridade”, pero tamén porque o seu mal estado deriva en que os condutores eviten o seu uso e remata por prexudicar aos negocios locais xa que “moitos veciños de concellos limítrofes empregan esta infraestrutura viaria para desprazarse a Vilanova tanto por motivos laborais como para acceder a servizos comerciais e de restauración”.
IMPACTO NEGATIVO NA ECONOMÍA LOCAL
Á vista de que “a situación actual desta vía impacta negativamente na economía local”, os populares agardan que os responsables do goberno local tomen medidas de forma inmediata para reparar e mellorar a vía.