Os populares lembran o taxazo ao que someten aos veciños e lamentan que intenten evitar o pago de taxas polo uso de instalacións portuarias cando se trata de actividades non exentas
O Grupo Municipal do Partido Popular explicou que “as taxas polo uso especial de instalacións portuarias son revertidas por Portos de Galicia nas propias instalacións” xa que se encarga do seu mantemento e conservación para que se encontren en bo estado de uso. Os populares lembran que “as taxas que paga o Concello son derivadas de usos non prioritarios no Porto de Burela”.
Ante as críticas do BNG sobre o “fin recadador” desta taxa, os populares pregúntanse “se non terá fin recadador o vehículo da DGT do que dispón o Concello e que está a percorrer as rúas de Burela”.
BANDEIRAS AZUIS
O Grupo Municipal Popular advirte que “é a primeira vez desde que se conceden as bandeiras azuis que o Concello de Burela non ten solicitado bandeira azul para unha das nosas praias, Ril”. Os populares subliñan que “este goberno é incapaz de conseguir todas as bandeiras azuis” a pesar de que “esta praia sempre viña contando con este distintivo de calidade”, pero nesta ocasión “o goberno bipartito nin se dignou a solicitala”. O resultado é que “por falta de traballo do bipartito, Burela só contará este verán con bandeiras azuis en dúas praias”.
TERREOS DA COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS
Os concelleiros do PP de Burela xa advertiran no pleno da actuación do goberno bipartito en relación aos terreos propiedade da comunidade de montes veciñais próximos ao cemiterio municipal: “insisten en querer apropiarse deles incluíndoos no inventario de bens municipais, a pesar de que órganos e organismos independentes coma o Rexistro da Propiedade e o Catastro lles din que non son do Concello”.