O PP de Foz prevé un verán caótico en todos os sentidos
Se a anterior lexislatura foi mala, esta aínda está sendo peor polos seguintes motivos: porque se subiron impostos a discreción e non hai familia que non vira afectada a súa economía particular ben sexa porque se incrementou o servizo de recollida de lixo ou as outras subidas aprobadas nos últimos meses como a das licencias de obras, a de expedición de documentos, a das terrazas ou mesmo a de residencia de maiores.
Se todas estas subidas de impostos e taxas se traducisen nunha mellora nos servizos aínda podería estar xustificado pero a realidade é que “do facer máis con menos do Partido Popular pasamos a que con máis cartos e aumento de impostos hai menos e peores servizos, é dicir, pasamos ao facer menos con máis do PSOE e BNG” sinala o voceiro popular, Jorge Castiñeira.
“Salta á vista, e así se queixan os veciños, a desatención dos servizos básicos que estamos a sufrir tanto nas parroquias como no centro urbano”, lamenta o voceiro do PP de Foz. Neste sentido, o centro urbano cada vez está máis sucio (incluso coa aparición de ratas na rúa Corporacións), con problemas de circulación, con baches, con obras paradas, cos pasos de cebra sen pintar e cada vez hai menos sitios para estacionar os vehículos; e as parroquias están abandonadas, sen rozar e as áreas recreativas (como a de Fondás, na parroquia de Vilaronte) están descoidadas.
Polo tanto, o PP de Foz prevé un verán caótico en todos os sentidos xa que non hai máis que escoitar ao alcalde xustificarse e culpar aos demais das súas carencias ma xestión municipal.
Plan de emprego municipal
Por último, os populares recordan que o goberno bipartito de PSOE e BNG debería ter programado un plan de emprego municipal que xa tiña que estar en marcha.