O cadro local, que foi case sempre por diante, e a UMA Antequera asinaron un auténtico partidazo de golpes constantes que se resolveu desde o punto fatídico co ascenso mariñao
Burela, 15 de xuño, 2024. O Pescados Rubén Burela regresa dúas tempadas despois á elite logo de facerse co segundo punto da final na quenda de penaltis. Nun fantástico partido diante dun Vista Alegre cheo ata as topes, os burelistas foron durante a maior parte do partido por diante, pero a UMA Antequera non se engurrou en ningún momento e demostrou que tamén estaba feito para ascender a Primeira División. O tempo de desconto finalizou con empate a cinco tantos, o marcador non se moveu na prórroga e despois dunha quenda de penaltis larguísima, Kaluza detiña o décimo séptimo penalti, lanzado polo exburelista Pope, e o capitán Lucho levaba a éxtase ás bancadas do coliseo burelense co tanto que significaba o 7-6 final.
O primeiro cuarto de partido foi de control, entre dous equipos que se coñecen moi ben. Leandrinho probouno primeiro para os antequeranos cun remate escorado que tapou ben Kaluza. Respondeulle Álex García cun disparo afastado fácil para Cone. O internacional polaco volvía intervir no minuto 7 cando Nando remataba á media volta e a réplica era de Malaguti nun balón que se foi ao lateral da rede da portería malagueña.
Superado o ecuador da primeira entrega desatáronse as hostilidades realmente con dúas opcións moi boas para os visitantes nas que tiña que empregarse a fondo Kaluza. O meta dos Pícaros sacaba a primeira cunha gran perna abaixo diante de Alvarito e repetía instantes despois nunha acción similar diante de Lenadrinho. Tamén tiña que meter un bo pé Cone nun disparo de Ismael.
Este foi o preludio ao primeiro tanto local, nunha acción de estratexia que resolvía moi ben Ismael no corazón da área. O gol non lle afectou aos de Tete, que rozaron a igualada un minuto máis tarde nun velenoso centro-chute de Davilillo que se foi rozando o pau e ao que non chegou Nando no segundo pau. Si marcarían no minuto 16, cando Cobarro recibía na área con Álex García moi afundido e o ciezano virábase moi ben para bater a Kaluza.
A resposta dos de David Rial non se fixo agardar, cun balón ao pau de Isma e outra boa pelota filtrada do fonsagradino para Alberto, que remataba rápido e facía tirar de grandes reflexos a Cone. O gol merodeaba a meta antequerana e chegaría a dous minutos do descanso, nunha acción calcada ao 1-2 do primeiro partido. Recibía de costas, íase entre dous rivais e realizaba un disparo cruzado pegado ao segundo pau para superar a Cone.
O Pescados Rubén Burela cheirou sangue e foise a polo terceiro. Tívoo Alberto nun lanzamento que se ía á escuadra, pero Cone realizaba unha estirada sensacional. Despois era Malaguti o que o probaba e volvía sacar con apuros o porteiro visitante. Xa non podería facer nada a un minuto do final, cando Alberto remataba de volea coa zurda un saque de esquina. Os Pícaros íanse ao descanso con mellores sensacións e cun gran botín.
A segunda parte tivo de todo e foi un exercicio constante de golpes entre os dous contendentes. O Burela aproveitou a inercia do final do primeiro período e anotou o 4-1 nun roubo de Ismael a Cone, que logo definía con calidade diante do meta visitante.
Cando o partido parecía que se lle poñía totalmente de cara a os mariñáns, os andaluces responderon con dous goles no minuto 25. Primeiro era Nando o que marcaba desde fóra da área e Quique, nunha acción na que Kaluza abandonara a meta, aproveitaba unha perda dos locais para marcar desde o seu campo a porta baleira. O dobre golpe non tombou ao Burela, senón que no minuto 27 unha contra fulgurante de Rikelme finalizaba cun disparo á cruceta.
Cos dous equipos xerando perigo, a UMA atopaba o empate a catro tantos nun envío de Alan de Candia que tocaba Isma e íase para dentro. De novo o cadro local respondía rápido, cun balón ao pau de Ismael nunha acción de pivote, e volvíase a poñer por diante grazas a un dobre penalti que tocaba Álvaro Mellado, pero non o xusto.
De novo por diante, o Pescados Rubén Burela sufría outro revés no minuto 35, cando Isma era expulsado por unha fea acción sobre Kiko. Os antequeranos non desaproveitaron a oportunidade e con superioridade igualaron cun disparo moi colocado arriba de Leandrinho.
Coa igualdade restablecida, tanto no marcador como de homes, Lucho tivo o sexto nun balón que tocou Pope. Despois era Cone o que sacaba coa cara un tiro de socato de Malaguti a dous metros da portería e Rikelme poñía de novo en apretos ao meta visitante cun disparo desde a distancia. Cobarro, a tres segundos do final, tivo a última, pero Kaluza rexeitou o lanzamento.
Na prórroga apenas houbo ocasións, a pesar de que Tete probou con Davilillo de porteiro-xogador nos dous últimos minutos. Só unha incursión de Alberto, que finalizou cun remate que tocou o xusto Pope para desvialo, chegou perigo a algunha das dúas metas.
Ficha Técnica Pescados Rubén Burela FS 5-5 (7-6) UMA Antequera
Pescados Rubén Burela FS (5): Kaluza; Quelle, Alberto, Isma, Malaguti -quinteto inicial-, Isamel, Álex García, Charly, Charly Cayado, Lucho, Rikelme, Mika (ps) e Pitero.
UMA Antequera (5): Cone; alan de Candia, Alvarito, Cobarro, Leandrinho -quinteto inicial-, Óscar, Burrito, Nando, Quique, Miguel Conde, Pope, Davilillo e Álvaro Mellado.
Goles: 1-0, min. 12: Ismael. 1-1, min. 16: Cobarro. 2-1, min. 18: Isma. 3-1, min. 20: Alberto. 4-1, min. 23: Ismael. 4-2, min. 25: Nando. 4-3, min. 25: Quique. 4-4, min. 30: Isma (pp). 5-4, min. 34: Álex García, de doblepenalti. 5-5, min. 36: Leandrinho.