“Un impulso á promoción da nosa gastronomía, formar parte desta rede consolida a nosa posición como destino turístico”, sinala a alcaldesa, María Loureiro
Viveiro, 3 de xuño de 2024. O Ministerio de Industria e Turismo notificou aos concellos implicados no proxecto ‘Spain Culinary Villages’, entre eles Viveiro, a aprobación e posta en marcha da iniciativa.
O proxecto, que contará con fondos europeos, inclúe a varios municipios de España pola calidade dos seus restaurantes e alimentos, co obxectivo de desenvolver o seu turismo gastronómico e sostible.
Os concellos que forman parte da rede son Ezcaray (A Rioxa), Alcalá del Valle (Andalucía), Viveiro, Moratalla (Murcia) e Parrés (Asturias).
Na pasada edición de Fitur, o Concello de Viveiro aportou ao proxecto o percorrido e a traxectoria do restaurante Nito, rexentado pola familia Balseiro dende 1970. O local conta con 2 soles Repsol e foi recoñecido en Madrid Fusión como unha das seis mellores marisquerías de España.
“A nosa gastronomía é un dos moitos atractivos da nosa vila, cunha ampla oferta culinaria de gran calidade. Pertencer a esta rede consolida a nosa posición como destino gastronómico”, sinala a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
O proxecto ‘Spain Culinary Villages’ desenvolverá diferentes actividades e iniciativas nos concellos da rede para promocionar a súa gastronomía.