Site icon Crónica3.com A Mariña

O IES Perdouro recibe o premio como un dos vencedores dos retos da primeira edición de InnovaTech FP

Ourense, 18 de xuño de 2024. O equipo de alumnado formado por Alicia Cabarcos e Sonia González do Ciclo Medio de Peiteado e cosmética capilar e Raúl Fraga e Alberto Cabana, estudantes do CS de Mecatrónica industrial, acompañados da directora do IES Perdouro María José Pardiñas, de Fernando López, profesor de Mecatrónica, e de Javier Rouco, coordinador do proxecto INNOVATECHFP 23-24 e profesor de Imaxe persoal, viaxamos ao recinto Expourense para recibir o galardón do programa InnovatechFP 23-24 da Consellería de Educación, que nos outorgou o primeiro premio na final celebrada na mañá de hoxe martes 17 de xuño por ter presentado e defendido un proxecto que deu resposta ao reto empresarial que a marca L’Oréal España-Portugal presentou ante 170 centros educativos da FP de Galicia na localidade de Culleredo a finais do ano pasado.

O reto emprazaba a traballar en qué facer cos envases de plástico que se desbotan nos salóns de peiteado para transformalos en produtos duradeiros para ser usados nestes mesmos espazos. O equipo que lideramos desde o IES Perdouro de Burela tivemos claro desde o principio que deseñar uns prototipos que permitan triturar os envases cosméticos de plástico e fundilos para logo crear produtos novos, como é o caso de peites que se fabricaron dentro deste proceso con estes mesmos polímeros a través de inxectar o plástico fundido en moldes de fabricación mecánica e tamén a través da creación de filamento plástico para impresión 3D. Co fin de poder darlle vida aos prototipos, o mestre Fernando López e os seus alumnos Raúl e Alberto, crearon desde as aulas-taller de Mecatrónica o deseño e fabricación destes aparellos: unha trituradora e unha inxectora para envases cosméticos de plástico e un molde de fabricación mecánica que dará forma ao produto final: peites elaborados cos residuos plásticos dos envases cosméticos. Mentres se traballou na fabricación, presentouse a idea nunha primeira fase que foi seleccionada xunto con outras dúas grandes propostas presentadas por outros dous centros referentes na Formación Profesional de Galicia: o IES A Guía de Vigo e o CIFP Someso da Coruña. Os tres fomos seleccionados para pasar a unha segunda fase. Desde o IES Perdouro consideraron unha honra participar xunto a eles.

Por fin inmerso na fase dúas, o alumnado defendeu o proxecto diante do xurado no Centro de Innovación e Emprendemento Eduardo Barreiro de Ourense o pasado xoves. Nesa ocasión, en 5 minutos o equipo de alumnado do Perdouro tivo que presentar os prototipos e o produto final, xustificar e convencer ao xurado e á Empresa L’ Oréal da súa viabilidade técnica e económica tratando de explicar o impacto que tería no medio ambiente e no rural.

O martes 18 de xuño foi un gran día. O representante da empresa L’ ORéal nomeou por fin o equipo gañador do seu reto no recinto ferial de Ourense: “O gañador do reto L’Oréal é o IES PERDOURO de Burela”. Logo de recoller o premio de 10.000 euros que se empregarán no desenvolvemento da idea e a posta en marcha do proxecto empresarial, aos gañadores quédalles un bo sabor de traballo en equipo e, por ende, unha porta aberta para seguir defendendo a solución a un nivel máis potente, traballando coa colaboración do equipo técnico de produción da empresa L’ Oréal, líder no sector da cosmética, que acompañará e asesorará no seguinte proceso: facer do proxecto unha realidade.

Desde o centro móstranse agradecidos de poder traer este premio a Burela e de achegar nun futuro esta solución á sociedade, pero ademais hai algo que ilusiona especialmente ao equipo: A Formación Profesional no IES Perdouro está ao nivel que as empresas líderes demandan, polo que manifestan que seguirán traballando arreo para seguir ofrecer e achegar unha formación punteira ao alumnado.

Por último, os docentes responsables do proxecto queren mostrar o seu agradecemento a todos cantos fixeron posible a solución a este reto e, en especial, ao alumnado participante, que tan ben o soubo defender.

Exit mobile version