Site icon Crónica3.com A Mariña

O Consello Local da Infancia e da Adolescencia de Vilalba celebra a súa segunda sesión ordinaria

Os representantes do centros educativos trasladaron numerosas peticións e suxestións á corporación municipal, que estudará a viabilidade de cada unha delas

Vilalba, 6 de xuño de 2024. O Salón de Plenos do Concello de Vilalba acolleu na tarde de onte a celebración da segunda sesión do Consello da Infancia e da Adolescencia, unha iniciativa coa que a corporación municipal quere manterse en contacto directo cos mozos e mozas do municipio, así como escoitar as súas peticións e suxestións para poder poñer en marcha iniciativas atractivas para todos eles e elas.

Nesta segunda sesión, o consello contou coa presenza dos vogais do CEIP Terra Chá: Ainara, Antía e Alba; os representantes do CEIP Insua Bermúdez: Hugo, Maia e Inés; os vogais do CEIP Monseivane: Saray, Tamara e Erea; e os representantes do CEIP Mato Vizoso: Daniela, Daniela, Isaac e Lucas, que ostentou o cargo de secretario-axudante da Presidencia do Consello.

Todos eles e elas trouxeron ao Salón de Plenos un número importante de suxestións e peticións, centrándose a maior parte en arranxos e melloras nos seus respectivos centros educativos. Ademais, tamén resoaron solicitudes como a recuperación de balóns extraviados ou a promoción de actividades de ocio e entretemento para o público máis novo.

En consecuencia, a presidenta do Consello, a alcaldesa Marta Rouco, escoitou cada unha das peticións dos escolares e aproveitou para dar resposta a cada unha delas de xeito individual.

“Todas as que temos a capacidade para acometelas dende o Concello, estudarémolas e intentaremos poñelas en marcha na maior brevidade posible e aquelas que non dependen de nós comunicaremos a petición para que as administracións competentes saiban das necesidades que aquí nos trasladades” explicou a rexedora, Marta Rouco.

Ademais, aproveitando a confluencia da convocatoria coa celebración do Día Mundial do Medioambiente, o Concello dotou a cada un dos escolares dun kit de reciclaxe composto por un set de bolsas compostables e un tríptico informativo do proxecto Vilalba Orgánica, “para que todos e todas vós me axudedes a promover a reciclaxe e a separación dos residuos nas vosas casas”, explicou no comezo da sesión a alcaldesa, Marta Rouco.

Exit mobile version