O alcalde, Dani Vega, agradeceu a visita de Román Rodríguez a Ribadeo e dixo que “hoxe toca anunciar novas obras no Ceip Gregorio Sanz. Encargar o proxecto será o segundo paso. E non vos preocupedes que eu vou facer un seguimento total e absoluto diso. E en breve teremos un peche perimetral do colexio, xa que está correndo un risco moi importante o alumnado”.
O rexedor comentou que “a Xunta fixo que tiña que facer: actuar cunha inversión que supera un millón de euros no colexio, fixemos iso, temos un colexio moderno por dentro, polo sistema educativo, pero tamén por fora polo contido. Vamos agora mellorar a casa do conserxe e o peche perimetral”.
E engadiu: “vamos ver se o facemos en consonancia con outros peches que hai por alí. Temos que traballar tamén a estética e ter un pobo de nivel 10 de deseño”.
No libro de honra do Concello Román Rodríguez escribiu: “Ribadeo é unha vila nobre e xenerosa, chea de boa xente xenerosa e orgullosa. Parabéns ao alcalde e aos veciños por representar o mellor da nosa Galicia nesta porta noroeste. Deséxollo ao pobo de Ribadeo que o espírito emprendedor do Marqués de Sargadelos lle dea empuxe para un futuro próspero”.
Ao remate do acto recibiu como agasallo unha réplica en cerámica do monumento ao gaiteiro.
Asistiron a este encontro co conselleiro as directoras e directores dos centros de ensino de Ribadeo, así como representantes da Anpa do CEIP Gregorio Sanz, e as concelleiras e concelleiros de Mocidade, Turismo, Atención Cidadá e Educación.