O equipo sairá ás 18:00 do 19 de xuño do pavillón Vista Alegre, percorrerá Burela en tren turístico, e ás 19:30 será recibido na praza do Concello, ou de novo no pavillón no caso de choiva
Burela, 17 de xuño de 2024. O Concello de Burela recibirá este mércores, día 19 de xuño, ao equipo masculino absoluto do Burela FS con motivo do seu ascenso á Primera División da Liga Nacional de Fútbol Sala.
O equipo logrou o ascenso tras eliminar na final da súa categoría anterior ao UMA Antequera, gañando en Málaga despois de empatar a 5 goles cada equipo.
Os rapaces do equipo sairán ás 18:00 do pavillón Vista Alegre, tras o cal percorrerán Burela en tren turístico. Ás 19:30 terá lugar a recepción na praza do Concello, que será de novo no pavillón no caso de choiva.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, transmite “os seus máis fondos parabéns aos xogadores do Burela FS masculino, que con este fito veñen de escribir un novo capítulo na historia do deporte burelao”.
“Convido a toda a veciñanza a acudir a esta festa do deporte do noso municipio, que tantas alegrías nos está dando ultimamente a todas as veciñas e veciños”, sinala a rexedora.