“O novo barco é un xogo moi completo, que suporá unha referencia nos parques infantís da mariña lucense e un salto de calidade na nosa vila”, sinala Ramiro Fernández Rey, concelleiro de Obras de Burela.
A obra incluirá a retirada de xogos actuais, mobiliario urbano e o actual valado perimetral. Ademais, colocarase un novo chan de amortiguación, incorporaranse novos xogos, alén de plantarse novos setos e instalar un novo valado, entre outras actuacións.
“Dende o Goberno local seguimos traballando para mellorar as infraestruturas da nosa vila, incluíndo aquelas para os máis pequenos, como xa fixemos coa renovación do parque infantil do Cantiño”, indica Carmela López, alcaldesa de Burela.
Nesta obra, o Concello de Burela investirá máis de 117.000 euros coa colaboración da Deputación de Lugo. Os representantes do Concello xa se reuniron cos responsables da obra para perfilar a proposta, cuxo prazo de execución é de dous meses.