Site icon Crónica3.com A Mariña

O Cenima acolleu unha xornada sobre Asociacionismo e gobernanza en turismo, organizada pola Mancomunidade

Ribadeo, 6 de xuño de 2024. O Cenima acolleu unha xornada sobre Asociacionismo e gobernanza en turismo, que foi organizada pola Mancomunidade de Concellos da Mariña no contexto do SICTED e da súa Mesa de Calidade, que a entidade desenvolve ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística que cofinancia xunto á Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, deu inicio á xornada referíndose a que “na Mesa de Calidade do SICTED celebrada o 6 de novembro de 2023, que contou coa presencia de 14 persoas representantes do sector público e privado, acordouse a creación do Grupo de Mellora SICTED sobre Fórmulas organizativas e modelos de gobernanza en turismo”.

López indicou que “os Grupos de Mellora do SICTED, teñen por obxectivo crear espazos de debate e discusión para identificar, propoñer e poñer en marcha melloras no destino. Nese contexto e para avanzar na inquedanza da importancia de que o sector turístico estea organizado e o interese de estruturar algunha fórmula asociativa a nivel privado que nos diferentes encontros do SICTED durante o pasado ano, e noutros foros, se nos foi poñendo de manifesto; decidiuse organizar esta xornada para coñecer diferentes modelos organizativos e visualizar fórmulas de colaboración público – privada convidando a destinos e casos de especial interese para todos nós como pode ser o Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra, a CMAT de Costa da Morte e o caso de Gijón, destino que leva moitos anos adherido ao SICTED”.

A presidenta da Mancomunidade, agradeceu a participación e colaboración tanto destes destinos respondendo ao convite como das distintas empresas e axentes adheridos ao SICTED, da Deputación de Lugo, Concello e ACIA Foz presentes na xornada.

A continuación, tomou a palabra Tania Hermida, xerente do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña que, como destino anfitrión que promoveu a xornada e cuxo obxectivo era reflexionar entorno a el, antes do coloquio comezou contextualizando un pouco A Mariña como destino e a gobernanza turística aplicada desde os anos 90 aproximadamente: “nun comezo a comarca, coma moitos outros territorios do país, apoiouse nun modelo vacacional de sol e praia e promocións inmobiliarias de segundas residencias, onde se presentou durante moitos anos a oferta e información de cada municipio de forma individual. Isto, co tempo, puxo en evidencia a falta de estruturación da oferta turística e dunha imaxe integrada baixo uns atributos que non se comezou a facer de xeito contundente ata hai menos de 10 anos”.

E continuou “non recibir a financiación de 2 millóns de € para un Plan de Competitividade do Produto para o período 2010 – 2014 fixo ter que ir acometendo actuacións en base a un financiamento moi limitado, grazas aos apoios da Xunta de Galicia e da Deputación. Esta limitación foi postergando a consolidación turística da Mariña cara un modelo sostible e de calidade no que se leva traballando anos, de xeito coherente e continuado pero menos ambicioso do desexado”.

E lembrou que “a concesión do Plan de Sostibilidade Turística, está permitindo ir un paso máis alá e acometer por fin actuacións e inversións para a consolidación da Mariña como destino turístico de referencia no norte de España en base a criterios e proxectos que teñen como base ese modelo turístico sostible e de colaboración público – privada”.

Tras esta introdución á xestión turística da Mariña deu comezo o coloquio obxecto da xornada. Durante a primeira parte desta mesa redonda puxéronse en común as distintas fórmulas que utilizan os tres destinos convidados para a xestión turística sostible e colaborativa entre o sector público e privado.

No caso de Gijón estiveron presentes Carmen Río como coordinadora dos programas “Gijón con calidad”, e Fernando Méndez-Navia como director do Grupo DEX, consultoría especializada en estratexias e desenvolvemento local.

Cunha traxectoria de 20 anos, Gijón considérase un territorio pioneiro a nivel nacional no ámbito da gobernanza turística público-privada a través da creación dunha sociedade mixta conseguindo a participación dunha boa masa de empresas que, ademais, colaboraban no financiamento. Isto permitiulles crear un primeiro Plan de Calidade a medida para o seu territorio e, a posteriori, integrarse no SICTED. Gijón foi o primeiro destino a nivel nacional en distinguirse con este selo de calidade no ano 2004. Ademais no 2023 incorporaron na toma de decisións á sociedade local a través dunha asociación de veciños. Para a Mancomunidade “é importante destacar o concepto de comunidade co que seguen traballando a día de hoxe”.

No caso da Ribeira Sacra estiveron presentes Alexandra Seara, xerente do Consorcio Ribeira Sacra, e Francisco Almuíña, presidente de FEGATUR e da Asociación Ribeira Sacra Rural. Este xeodestino integra a 26 concellos pertencentes a dúas provincias (Lugo e Ourense). A súa traxectoria comeza tamén coa creación dunha sociedade de xestión. Créase o Consorcio cuxo éxito se basea no entendemento entre Concellos de distintas cores políticas traballando pola unidade do territorio como base para o desenvolvemento turístico e coa idea clara de buscar a Sostibilidade nas súas estratexias e na creación de produto grazas tamén á integración do sector privado a través do movemento asociativo e da implicación das persoas que habitan o territorio. Para eles outra das claves é crer firmemente na filosofía de destino tendo sempre presente o camiño a seguir e as características diferenciadoras do territorio.

Polo que respecta á Costa da Morte participaron nesta mesa redonda Manuel Muíño, presidente da CMAT e alcalde de Zas e Rosa María Sánchez, integrante da CMAT e APTCM. A APTCM (Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte) inicialmente encargouse da xestión do Plan de Dinamización Turística finalizado no 2013. A CMAT é a asociación sin ánimo de lucro integrada por axentes locais públicos e privados coa finalidade de desenrolar o territorio en materia turística. No seu comezo tiveron que facer un traballo de concienciación para que se traballase por un obxectivo común, consensuado e sumando forzas baixo o convencemento de que é a mellor maneira de obter éxitos a nivel individual.

Desde a Mancomunidade indicaron que “ao igual que no caso da Ribeira Sacra, dende o destino Costa da Morte tamén destacan como fundamental o feito de contar con persoas tanto do ámbito público como privado con visión global e comprometida co territorio no seu conxunto”.

Xa na segunda parte da xornadas as persoas participantes expresaron a súa opinión sobre o futuro e os retos que encara o sector turístico nos seus respectivos territorios chegando as seguintes conclusións comúns: “a velocidade extraordinaria á que se producen as transformacións no sector; o risco da turistificación e a peda de identidade territorial; o reto de paliar os problemas ambientais provocados polo turismo; o acceso á vivenda por parte da poboación local; combatir a masificación e buscar a desestacionalización; así como a importancia da colaboración, das persoas e da confianza mutua”.

E engadiron: “finalmente, todos estiveron de acordo en considerar que o futuro da xestión do turismo e a adaptación aos cambios na demanda e na oferta pasa pola utilización de procesos participativos de gobernanza, pola implicación público-privada e tamén da poboación local e por ter os obxectivos de xestión claros a apropiados ás características do territorio sentíndonos orgullosos e valorando os recursos cos que contamos”.

Exit mobile version