“A Xunta debería sufragar o cento por cento da obra, pois trátase dunha competencia súa. O goberno da Xunta xa debería ter colaborado coa construción da Residencia de Persoas Maiores de Ribadeo, pero mirou cara a outro lado, pensando máis nos propios intereses do PP que no pobo de Ribadeo. Unha vez máis, o PP desenténdese de Ribadeo, a alcaldía de máis poboación que goberna o PP na provincia de Lugo. No PP galego pensan máis noutros intereses partidarios, ou dunha parte ou familia do partido. Vese que nela non está nin o PP de Ribadeo, nin o alcalde e ex deputado autonómico. Outros pobos, aos que felicitamos, lograron que se asine ese convenio de colaboración para reformaren ou construíren a súa residencia de maiores. A Daniel Vega, que tanto presume de xestión, resísteselle. Non lle fan caso. Tómano por un monicreque no mundo da política municipal galega”.
“Seguiremos presionando para que a Xunta mude de actitude e acabe asinando o convenio de colaboración co Concello de Ribadeo para a reforma integral do Hospital Asilo. Temos que lamentar que cada semana que pasa sen que se asine dito convenio é un tempo perdido. Se puidésemos reconducir o crédito solicitado polo anterior goberno, poderiamos estar emprendendo outras iniciativas que melloraran as condicións de vida das xentes de Ribadeo. Pero así non se pode. O alcalde de Ribadeo queima a súa credibilidade cada vez que anuncia a sinatura dese convenio. Pero en certa medida, ao non ter resultados, tamén queima as posibilidades de dar outro destino a ese crédito. Falar élle moi doado. Ter éxito nas súas xestións, vese que non é o seu”.