Estas son as declaracións do voceiro municipal do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso: “Nunha nova demostración de pouca credibilidade, ou mesmo de enredo intencionado, o alcalde do PP volveu mentirlle aos veciños e veciñas ao incumprir o anuncio que el mesmo fixo a semana pasada. Non entendemos a necesidade de enganar á veciñanza dando unha data concreta para unha asinatura e que logo non se cumpra. Isto xéranos unha pregunta: mentiu o alcalde de Ribadeo para calmar os ánimos desta oposición e dos veciños e veciñas que estabamos reclamando a sinatura deste convenio? Ten realmente a confirmación de que se vai asinar dito convenio? Comezamos a sospeitar cando, no Consello da Xunta deste luns pasado, non apareceu nada sobre o anunciado convenio de colaboración. Desde o BNG de Ribadeo queremos esixirlle á Xunta e ao goberno municipal que se asine inmediatamente o convenio, e que se deixe de tomarlle o pelo aos veciños e as veciñas de Ribadeo. Necesitamos un impulso firme e decidido para que as obras do Hospital-Asilo avancen a bo ritmo dunha vez por todas. Máis eficiencia no control da marcha das obras, e menos darlle ao veo no seo do goberno municipal”.