Ribadeo, 23 de xuño, 2024. A semana pasada o alcalde, Daniel Vega, anunciou con” moito bombo” que nesta semana que acaba íase asinar o convenio de colaboración entre Concello e Xunta, para que esta última achegue os 700.000€ prometidos en campaña electoral. “Desde o BNG de Ribadeo celebramos este anuncio, pero tamén dixemos que permaneceríamos vixiantes para que non se quedase nunha simple promesa”.
Estas son as declaracións do voceiro municipal do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso: “Nunha nova demostración de pouca credibilidade, ou mesmo de enredo intencionado, o alcalde do PP volveu mentirlle aos veciños e veciñas ao incumprir o anuncio que el mesmo fixo a semana pasada. Non entendemos a necesidade de enganar á veciñanza dando unha data concreta para unha asinatura e que logo non se cumpra. Isto xéranos unha pregunta: mentiu o alcalde de Ribadeo para calmar os ánimos desta oposición e dos veciños e veciñas que estabamos reclamando a sinatura deste convenio? Ten realmente a confirmación de que se vai asinar dito convenio? Comezamos a sospeitar cando, no Consello da Xunta deste luns pasado, non apareceu nada sobre o anunciado convenio de colaboración. Desde o BNG de Ribadeo queremos esixirlle á Xunta e ao goberno municipal que se asine inmediatamente o convenio, e que se deixe de tomarlle o pelo aos veciños e as veciñas de Ribadeo. Necesitamos un impulso firme e decidido para que as obras do Hospital-Asilo avancen a bo ritmo dunha vez por todas. Máis eficiencia no control da marcha das obras, e menos darlle ao veo no seo do goberno municipal”.