Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo celebra que “Galiza conte con voz propia en Bruxelas” e agradece o apoio recibido

Ribadeo, 12 de xuño, 2024. Tralas eleccións europeas celebradas o pasado domingo, o BNG de Ribadeo fai valoración dos resultados obtidos. “Nestas eleccións europeas conseguimos que Galiza contase con voz propia en Europa desde o minuto 1. E iso foi posíbel porque moita xente viu na nosa candidatura, e na nosa organización, un equipo serio e responsábel que pon Galiza por diante de todo e mantén as mesmas posicións aquí, en Madrid ou en Bruxelas”.

“Grazas, veciñas e veciños, por confiardes en nós, por depositar a papeleta do BNG nas urnas este domingo 9 de xuño. Grazas por nos dardes alento co voso apoio para seguirmos traballando polo noso país, por cada un dos nosos concellos. En Ribadeo seguimos asumindo o papel que nos outorgastes hai un ano e cada vez queda máis claro que temos máis capacidade de influír nós na xestión correcta do concello que o propio equipo de goberno”.

“Cando se constitúa o novo parlamento europeo sabemos que teremos alí unha representante que xa leva anos dado mostras da súa capacidade de traballo e paixón pola defensa dos intereses de Galiza. Somos unha organización viva, con representantes en todas as institucións que afectan o futuro do noso país, e cunha rede de militantes, simpatizantes e veciñanza disposta a confiar cada vez máis no BNG: vós sodes a nosa forza”.

“Grazas polo voso apoio”.

Exit mobile version