Ribadeo, 12 de xuño, 2024. Na tarde deste martes o goberno municipal vén de anunciar que na vindeira semana asinarase o convenio de colaboración para que a Xunta aporte 700.000€ para a reforma do Hospital-Asilo. Desde o BNG de Ribadeo celebramos este anuncio e permaneceremos atentos a que se faga efectivo e apareza publicado no DOG canto antes.
As declaracións do voceiro municipal do BNG de Ribadeo, Pablo Vizoso: “Despois das peticións e xestións que levamos a cabo nas últimas semanas vemos como se fai este anuncio por parte do goberno municipal, un anuncio que celebramos e sobre o que estaremos vixiantes para que se faga efectivo e as partes cumpran o prometido. Non debemos esquecer que a competencia de Benestar Social é da Xunta de Galicia polo que seguimos defendendo que debería terse feito cargo do total da reforma. Aínda así, consideramos que é un paso adiante que servirá ademais para aliviar as maltreitas arcas municipais”.
Vizoso engadiu tamén que “Este anuncio súmase á axilización na execución das obras que comezamos a ver a semana pasada a raíz das nosas protestas e presións continuas. Recordamos que a un de maio só se executara o 4% do orzamento, despois de sete meses, algo inaceptable. Todos estes avances son unha boa nova para as usuarias e usuarios desprazados que son os que máis nos importan nestes momentos. Usuarios e usuarias que levan un ano lonxe de Ribadeo, desde o sete de xuño de 2023. Seguiremos moi atentos a que as obras teñan bo ritmo solicitando mensualmente as actas de execución así como á publicación no DOG da anunciada sinatura. Queremos evitar que o goberno do PP volva abandonar esta obra tan importante para Ribadeo”.