Ribadeo, 13 de xuño de 2024. O alcalde, Dani Vega, recolleu hoxe as bandeiras azuis que lucirán este verán as praias de As Catedrais, Castros e Illas. O acto tivo lugar no areal de Doniños, en Ferrol.
O rexedor contou que “no acto celebrado hoxe na praia de Doniños, en Ferrol, entregaron as bandeiras azuis. Ribadeo ten este galardón, teñen estas bandeiras, as praias de As Catedrais, Castros, Illas e tamén o porto deportivo. Polo tanto, un agradecemento profundo á asociación ADEAC por esta distinción, este galardón, que valora moitos parámetros que cumprimos ano tras ano”.
Vega subliñou que “nosoutros vamos seguir ese traballo continuo para avanzar. Neste momento o Concello de Ribadeo é o segundo en número de bandeiras azuis e vamos seguir traballando para incrementar eses galardóns dentro das nosas posibilidades”.
O alcalde ribadense lembrou algunhas das actuacións que nestes momentos está a realizar o Concello nas praias: “nosoutros queremos seguir mellorando todos os espazos naturais, todos estes puntos turísticos, estes areais. Por iso nestes momentos estamos investindo 70.000 euros tanto na praia dos Castros e en Illas, como tamén no Cargadeiro, que é un espazo natural, un gran punto turístico que debemos ter conservado e coidado. Pois entre todos vamos seguir avanzando para mellorar o Ribadeo que queremos”.
Xunto a Dani Vega estiveron en Doniños os concelleiros de Medio Ambiente e Seguridade, Diego Dos Santos e Montse Seijo.