Os proxectos de Acción Voluntaria, teñen como obxectivo comprometer á comunidade moza coa sociedade a través do desenvolvemento cultural e social, prolongarase durante todo o verán, cun máximo de 60 xornadas e 6 horas por día
Cervo, 13 de xuño de 2024. O Concello de Cervo vén de convocar os programa “Cervo a carón do voluntariado VII” -dirixido á mocidade de entre 16 e 30 anos- e Voluntariado Miúdo IV –dirixido á mocidade de entre 12 e 15 anos-.
A alcadesa, Dolores García Caramés, achegouse este mediodía ata o IES Marqués de Sargadelos, para explicarlles aos rapaces e rapazas en primeira persoa en que consisten estas iniciativas e o obxectivo xeral do proxecto de voluntariado xuvenil “que é poñer en práctica a implicación solidaria e o compromiso activo da comunidade moza coa sociedade a través do desenvolvemento cultural e social”
Así, este mesmo venres, ábrese a convocatoria para todos aqueles mozos e mozas que queiran participar como voluntarios/as nas diferentes actividades previstas durante todo o verán. As persoas interesadas poden recibir máis información e inscribirse na Casa da Cultura.
O proxecto de Acción Voluntaria prolongarase durante todo o verán, de xeito que cada voluntario ou voluntaria colaborará nas iniciativas propostas un máximo de 60 xornadas e 6 horas en cada unha.
A rexedora destacou a importancia deste programa á hora de dotar de ferramentas á xuventude que lle permita poñer en práctica valores tan importantes como a solidariedade e o compromiso coa sociedade e recordou que nestes anos foron máis de medio cento os mozos e mozas que se sumaron á iniciativa da que eles mesmos destacan “o enriquecedor que resulta a experiencia na que fan grupo, e comparten momentos e vivencias únicas para o recordo”.
Entre as actividades nas que as persoas inscritas desenvolverán o voluntariado están o apoio ás noites alternativas de verán, o apoio no Programa Concilia –dirixido ás crianzas e que se desenvolve durante as vacacións de verán para favorecer a conciliación familiar-, ou a colaboración en diferentes actividades nocturnas de carácter cultural.