Destácase a importancia de avisar previamente antes de depositar os enseres xunto aos contedores, e facelo na data acordada co servizo
Viveiro, 5 de xuño de 2024. A Concellería de Medio Ambiente de Viveiro fai un chamado á cidadanía a colaborar co servizo municipal de recollida de enseres.
Preténdese evitar situacións como as vividas recentemente coa aparición dun colchón no medio da praia de Covas, que afectan tanto á estética como á salubridade do municipio.
“É responsabilidade de todos e todas manter a nosa vila limpa e salubre, temos que colaborar para evitar situacións que non son admisibles”, sinala a tenenta de alcaldesa Míriam Bermúdez.
Destácase a importancia de avisar previamente antes de depositar os enseres xunto aos contedores, e facelo na data acordada co servizo, para evitar acumulacións.
Dende o comezo do ano 2024, o servizo tivo que recoller un total de 306 enseres sen previo aviso, o que dificulta gravemente o seu labor.
“A cantidade total de enseres que se depositan na vila é enorme, case mil en total no que levamos de ano, polo que é necesaria a cooperación de toda a cidadanía”, apunta Bermúdez.
O tempo actual de espera é de un mes e uns días, pero a partir de agora vaise pasar a recoller os enseres dúas veces por semana para axilizar o servizo.