A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asistiu hoxe á reunión do comité de seguimento de Alcoa
Madrid, 12 de xuño de 2024. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou hoxe ao Goberno unha aposta clara por abaratar a enerxía ás empresas electrointensivas como Alcoa, que se ten que poñer de manifesto nos Presupostos Xerais do Estado e no Estatuto dos Consumidores Electrointensivos.
“É esencial que o Goberno central faga unha aposta por abaratar a enerxía ás empresas electrointesivas e non estamos observando que, neste sentido, se queira apoiar a Alcoa e ás outras empresas do sector”, dixo Lorenzana, que tamén considerou fundamental “uns presupostos xerais aprobados para que estas medidas poidan chegar a bo porto e poidan chegar as subvencións ás empresas”.
Así o manifestou logo de participar na reunión do comité de seguimento de Alcoa que, neste momento, segundo detallou a conselleira, está traballando coas empresas interesadas na compra da planta de San Cibrao con vistas a que no mes de xullo se poidan presentar formalmente ofertas non vinculantes.
Lorenzana volveu reiterar a importancia para o futuro da planta de dispoñer dun prezo enerxético competitivo e barato. Neste sentido, instou ao Goberno central, en concreto aos ministerios de Transición Ecolóxica e de Industria, a modificar o Estatuto dos Consumidores Electrointesivos e a destinar a totalidade das subvencións que se lle poden asignar ás empresas do sector, como están facendo países como Francia ou Alemaña. “Agora mesmo poderían estar destinándose 860M€ ás empresas electrointensivas españolas e a decisión deste Goberno foi que soamente se destinasen 300M€”, abondou.
Novamente, tamén considerou “importantísimo” que se desbloqueen os parques eólicos de tramitación estatal que decaeron por estar feitas fóra de prazo as declaracións de impacto ambiental. Ao respecto, considerou que é responsabilidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica conseguir que, de novo, estes parques teñan autorización, especialmente aqueles que teñen subscritos contratos de compravenda de enerxía (PPA) con Alcoa para subministrarlle enerxía máis barata.