Site icon Crónica3.com A Mariña

José Tomé: “os resultados anímannos a seguir traballando para que o proxecto socialista chegue ao conxunto do territorio”

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia valorou este luns os resultados das eleccións ao Parlamento Europeo, afirmando que os socialistas recuperaron a segunda forza política na provincia de Lugo

Lugo, 10 de xuño de 2024. O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, valorou este luns os resultados das eleccións ao Parlamento Europeo celebradas este domingo. “Os socialistas somos a forza de referencia da esquerda en Europa, así o dixeron os cidadán”, indicou.

Tomé Roca afirmou que “o noso sentimento é de satisfacción e estes resultados anímannos a seguir traballando para que o proxecto do Partido Socialista chegue ao conxunto do territorio como está facendo Pedro Sánchez á fronte do Goberno de España”. Nas súas palabras, puntualizou o socialista, “estes resultados deben compararse cos do ano 2014, a última vez que votamos en igualdade de condicións que este domingo. No 2019, as eleccións ao Parlamento Europeo coincidiron na mesma xornada que as municipais. Polo tanto, se miramos os resultados do 2014, o apoio que recibimos no Partido Socialista foi moi semellante ó que recibimos onte, tendo máis de 34.580 votos”.

“O PSOE recuperou nestas eleccións a segunda forza política na provincia de Lugo, o que nos indica que somos a referencia da esquerda dos nosos veciños e veciñas”, concretou. “Na provincia de Lugo obtivemos uns resultados moito mellores dos que pensaba o Partido Popular. O PP fixo unha campaña moi sucia, centrada en embarrar, contando mentiras e con trampas, pero non todo vale”, indicou.

Así mesmo, engadiu que dende o PSdeG “estamos convencidos de que cando volvan celebrarse as eleccións municipais, volveremos ter o respaldo dos veciños e veciñas da provincia de Lugo. Sentimos que están valorando o traballo e o esforzo que están facendo os alcaldes e alcaldesas socialistas para mellorar e facer medrar os seus concellos, con políticas útiles que dan resposta ás necesidades reais da xente”.

Exit mobile version