Lugo, 6 de xuño de 2024. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, aclara á subdelegada do Goberno na provincia, Isabel Rodríguez, que a futura residencia de maiores de Riotorto será “financiada pola Xunta a través de fondos europeos que lle corresponden a Galicia, non sendo en ningún caso fondos do Goberno central, que actúa como mero tramitador deses cartos que proceden de Europa”.
Foi a Xunta a que decidiu poñer estes fondos a disposición dos concellos para ampliar a súa rede de centros destinados aos maiores, destinando 18,5 M€ á construción, reforma ou ampliación dunha vintena de equipamentos municipais, entre residencias, centros de día, vivendas comunitarias e centros sociais, dentro dun plan de investimentos que foi acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
No caso de Riotorto, a Xunta investirá 1,2M€ na construción desta nova prestación asistencial para persoas maiores de titularidade municipal e terá capacidade para aloxar a 37 usuarios. O inmoble presentará unha estrutura modular con semisótano, que acollerá o garaxe e distintos servizos como o de lavandería; planta baixa para os espazos comúns, como comedor ou sala de enfermaría; e a planta alta que quedará reservada para as habitacións.
Por último, Arias sinalou que “sempre fomos moi conscientes da importancia de aproveitar a oportunidade que supoñen os diferentes fondos europeos e, por iso, a Xunta é exemplo de boa xestión destes cartos cun grado de execución que se achega ao 100%, o que permitiu desde o ano 1986 recibir máis de 32.000 M€ favorecendo o crecemento de Galicia e a nosa converxencia con Europa”.