Cervo, 4 de xuño, 2024. Esta pasada fin de semana celebrouse o Campionato Galego de Tiro con Arco ó Aire Libre nas instalacións do Club Boa Vila de Pontevedra. Ata alí viaxaron os arqueiros do club mariñao. O sábado representados por Santiago González Villares na modalidade de arco espido, logrando situarse no primeiro posto tras a serie clasificación cunha puntuación de 591 puntos sobre 720 posibles na distancia de 50 metros. Pola tarde disputáronse as eliminatorias, comezando en semifinais. O seu primeiro encontro foi contra Enrique Busto Domínguez do Club Arqueiros do Barbanza, vencendo cun rotundo 6 a 0 a puntos de set, demostrando que segue en plena forma, a pesar do vento reinante durante todo o día. Xa na final competiría co seu compañeiro de aventura nas competicións nacionais, Santiago Soneira Muíño do Club Su A Agra (A Coruña). Nun encontro axustado pero que soubo dominar, derrotou ó seu rival por 6 a 0 en puntos de set e proclamouse novamente Campión Galego.
O domingo sería a quenda dos veteranos do arco con: Jorge Álvarez Amor e Gilberto Alfonso Flores Rodrigo, que tras a serie clasificatoria conseguirían o segundo e terceiro posto respectivamente con 629 e 616 puntos. As eliminatorias comezaron en semifinais e dada a aúa posición tiveron que eliminarse entre eles. Foi unha tanda moi igualada xa que tanto Jorge como Gilberto en cinco entradas sumaron 129 e 126 puntos dun total de 150 o que provocou que Gilberto tivese que competir polo terceiro posto ante Luís Domínguez Rey do Club Arcobarco de Ourense, disputándose o encontro por acumulación de puntos (diferente do sistema de set de arco recurvo e espido), conseguindo 124 puntos en comparación a 130 puntos do seu rival o que sitúa ao arqueiro do Iadovi na cuarta posición.
Pola súa banda, Jorge Álvarez disputaba a final contra José Luis Rodríguez García do The Cutarc Team Club da Coruña, co mesmo sistema de acumulación de puntos, acadou 134 que non foron suficientes fronte ós 136 que acadou José Luis, quedando subcampión.