Durante a visita comprobaron a instalación de novas chaves no depósito que veñen a substituír ás existentes con máis de 30 anos, e a posta en marcha dunha nova tubaxe que permitirá mellorar a chegada de auga potable á costa en momentos de máxima demanda.
A alcaldesa explicou que “estas obras son só unha parte das que se realizarán nos próximos meses, despois de ter realizado un exhaustivo estudo da situación do abastecemento e das posibilidades existentes.” Deste xeito, a rexedora acadou o compromiso da área de Rural da Deputación de Lugo para afrontar o cambio de bombas de impulsión que mellorarán os caudais que se poden obter e tamén para a redacción dun proxecto de obra para a substitución da tubaxe principal entre San Caetano e a Folgueirosa, “que sería a solución óptima para a mellora do abastecemento costeiro”, explica.
A concelleira delegada, Montse Porteiro, anunciou que “este investimento é unha primeira mellora que decidimos levar adiante ao ser a tecnicamente posible neste momento, xa que o resto de investimentos a realizar requiren dun maior tempo e complexidades técnicas que fan necesario contar con proxectos de execución.” Neste sentido, anunciou que o investimento realizado con estas obras supera os 10.700 euros; “pero o investimento previsto nos vindeiros meses para lograr unha mellora importante é de máis de 50.000 euros cunha substitución das bombas de impulsión que permitirán duplicar o caudal que chega ás tubaxes en épocas de máxima demanda, mellorando así o servizo de abastecemento en domicilios”.
Porteiro sinalou que desde finais do verán pasado tiveron numerosas reunións técnicas e de coordinación, tanto con persoal propio como externo, para pór sobre a mesa a problemática e analizar as distintas alternativas, tendo en conta a situación de inicio e as posibilidades temporais e económicas. Neste sentido, explicou que “o traballo desenvolto é continuo e vanse realizando as actuacións segundo é posible coa intención de ir poñendo en marcha melloras que acumuladas, aporten unha melloría cuantitativa e cualitativa ao servizo”.
Segundo os datos que se manexan a día de hoxe, en base aos estudos que continúan realizándose, o investimento a realizar para lograr unha mellora substancial e a medio prazo do servizo sería de arredor de 5.000.000 de euros, que o goberno municipal tratará de obter doutras administracións unha vez que conten cos documentos técnicos definitivos.