Hai máis de trinta proxectos para tódolos gustos. O alumnado de menor idade presenta traballos de gran orixinalidade coma o tren magnético, os “Alfinetes levitantes” e failles bailar ás moedas mediante magnetismo inducido. Ademáis, con simples paus de xeado construiron mesas flotantes, figuras de tensegridade caseiras e tamén un elevador hidráulico. E con cartón crearon una man robótica e unhas gafas de realidade virtual coas que invitan ó público a dar unha volta en montaña rusa.
O alumnado de 3º ESO centra os seus esforzos en explicar fisioloxía humana mediante maquetas elaboradas por eles mesmos para explicar o “Proceso respiratorio”, a patoloxía do “Pneumotórax”, “O ril e a nefrona”, “A dixestión” e a “Circulación sanguínea”. Ademáis, para axudar a fomentar hábitos saudables, tamén expoñen traballos como “O prato de Harvard” para inculcar a dieta equilibrada, “Nutriscore” para saber o que comemos, “Bebidas azucradas” para evitar abusar das mesmas ou “Nin vapers nin tabaco” para concienciar de que vapear entraña tanto risco coma fumar e disuadir aos compañeros de ámbalas prácticas.
Tamén é momento de difundir traballos con recoñecementos especiais como “Cuida el medio ambiente” gañador do II Concurso Escolar Ecoeduca, de alumnado de 2º ESO, o “Despertador lumínico” e “O bastón con entonación” presentados nas Olimpiadas de Telecomunicacións en Vigo por alumnado do Club de Ciencia ou “Saitis barbipes” a araña saltarina rareza extrema encontrada durante o I Bioblitz ribadense realizado por alumnado de bacharelato.
Para rematar, un non pode marchar sen que lle conten algo sobre a pioneira Aurora Sampedro ou o coñecido doutor ribadense Antonio Rodríguez Darriba ó cal o alumnado de bacharelato honra explicando os grupos sanguíneos cunha orixinal maqueta e facendo a determinación dos mesmos coma auténticos profesionais.
Parabéns a todo o alumnado e profesorado implicado que coordinado pola profesora de bioloxía Susi Besteiro fixo posible xunto con tódolos visitantes a XXIX Feira da Ciencia, que aínda se pode visitar o venres en horario de mañá.