Ribadeo, 13 de xullo, 2024. Numeroso público se achegou este xoves ó IES de Ribadeo Dionisio Gamallo onde se está a celebrar a XXIX Feira da Ciencia. Os traballos presentados reciben numerosos parabéns dos visitantes que tamén quedan sorprendidos coa beleza do cartel anunciador, obra da alumna Claudia Loureiro.
Hai máis de trinta proxectos para tódolos gustos. O alumnado de menor idade presenta traballos de gran orixinalidade coma o tren magnético, os “Alfinetes levitantes” e failles bailar ás moedas mediante magnetismo inducido. Ademáis, con simples paus de xeado construiron mesas flotantes, figuras de tensegridade caseiras e tamén un elevador hidráulico. E con cartón crearon una man robótica e unhas gafas de realidade virtual coas que invitan ó público a dar unha volta en montaña rusa.
O alumnado de 3º ESO centra os seus esforzos en explicar fisioloxía humana mediante maquetas elaboradas por eles mesmos para explicar o “Proceso respiratorio”, a patoloxía do “Pneumotórax”, “O ril e a nefrona”, “A dixestión” e a “Circulación sanguínea”. Ademáis, para axudar a fomentar hábitos saudables, tamén expoñen traballos como “O prato de Harvard” para inculcar a dieta equilibrada, “Nutriscore” para saber o que comemos, “Bebidas azucradas” para evitar abusar das mesmas ou “Nin vapers nin tabaco” para concienciar de que vapear entraña tanto risco coma fumar e disuadir aos compañeros de ámbalas prácticas.
Tamén é momento de difundir traballos con recoñecementos especiais como “Cuida el medio ambiente” gañador do II Concurso Escolar Ecoeduca, de alumnado de 2º ESO, o “Despertador lumínico” e “O bastón con entonación” presentados nas Olimpiadas de Telecomunicacións en Vigo por alumnado do Club de Ciencia ou “Saitis barbipes” a araña saltarina rareza extrema encontrada durante o I Bioblitz ribadense realizado por alumnado de bacharelato.
Para rematar, un non pode marchar sen que lle conten algo sobre a pioneira Aurora Sampedro ou o coñecido doutor ribadense Antonio Rodríguez Darriba ó cal o alumnado de bacharelato honra explicando os grupos sanguíneos cunha orixinal maqueta e facendo a determinación dos mesmos coma auténticos profesionais.
Parabéns a todo o alumnado e profesorado implicado que coordinado pola profesora de bioloxía Susi Besteiro fixo posible xunto con tódolos visitantes a XXIX Feira da Ciencia, que aínda se pode visitar o venres en horario de mañá.