A presidenta do PP lucense, Elena Candia, pechou a campaña ás europeas nun mitin en Viveiro onde interviñeron Alfonso Villares e Mariña Gueimunde
Viveiro, 7 de xuño de 2024. O PP lucense pecha a campaña ás europeas cun mitin en Viveiro, na Mariña oriental, no que interviron a presidenta provincial, Elena Candia, o responsable autonómico do Mar, Alfonso Villares, e a presidenta do PP local e portavoz, Mariña Gueimunde. Os populares coincidiron en recordar “o proxecto solvente” do Partido Popular e en sinalar “os claros exemplos na comarca dos prexuízos das políticas de PSOE e BNG” en alusión á incerteza da planta de Alcoa e o mantemento do emprego “mentres que o Goberno de Pedro Sánchez non fai nada”, á flota do arrastre afectada pola prohibición da pesca “imposta polo Comisario dos verdes, socios do BNG,” e aos gandeiros afectados polo lobo, “protexido pola candidata socialista ás europeas”.
Elena Candia pediu o voto para o Partido Popular neste último día de campaña asegurando que “precisamos políticas con sensatez e Gobernos con sentidiño que defendan os nosos sectores económicos estratéxicos”. Así amosou o apoio aos candidatos populares porque “precisamos representantes que se poñan do lado dos nosos gandeiros e pescadores, defendan as nosas infraestruturas e que ofrezan medidas eficaces para abordar os principais retos da nosa provincia: a conexión co corredor de mercadorías, a alta velocidade, o reto demográfico e todos os servizos que melloren a calidade de vida dos lucenses”.
A dirixente popular sinalou que “os traballadores da planta de San Cibrao continúan coa incerteza sobre o mantemento do emprego na comarca ante un Goberno presidido por Pedro Sánchez e do que forma parte a candidata do PSOE ás europeas que non activa os mecanismos públicos para garantir a continuidade da única fábrica de aluminio primario de España”. A popular dixo que “seguimos agardando un estatuto electrointensivo verdadeiramente eficaz ou a axilización dos parques eólicos para abastecer a planta de enerxía a prezos competitivos, entre outras medidas”. Os populares tamén piden ao Goberno central “que aclare se estaría disposto” a intervir Alcoa de forma temporal e instrumental ata atopar un comprador solvente. A este respecto, engadiu tamén a postura do BNG: “pola mañá cos traballadores defendendo o emprego e pola tarde manifestándose contra os parques eólicos que dotarían á planta de electricidade a mellor prezo”.
Para a popular “esta incoherencia dos nacionalistas non é novidade” á vista de que “Ana Miranda en Europa é socia dos verdes que prohibiron a pesca de arrastre, que afecta gravemente á flota mariñá e galega; pero veu aquí na campaña acariñar unha merluza”. E “a negativa do Goberno a rebaixar a protección do lobo -unha necesidade que o PP conseguiu aprobar en Europa- demostra o pouco conectado que está o PSOE -e tamén o BNG que é socio de Sánchez en Madrid- coa realidade do noso territorio e dos nosos gandeiros”.
Ao respecto das candidaturas, Candia incidiu en que “o BNG oculta aos seus socios nas papeletas” e por iso quixo aclarar que “cando un galego vota ao BNG está a votar aos candidatos de ERC e Bildu”. E no caso da lista socialista, a número 1, Teresa Ribera, é a “máis radical ecoloxista do PSOE”.
POÑER FIN A UN GOBERNO QUE NON É RENDIBLE PARA A MARIÑA
O responsable de Mar do Goberno galego, Alfonso Villares, apelou ao “voto útil” e este pasa, dixo, por apoiar ao Partido Popular e, en consecuencia, “poñer fin ás políticas dun Goberno que non é rendible para A Mariña”.
“Somos o Partido da pesca. Defendemos o equilibrio e por iso necesitamos unha reforma da Política Pesqueira Común (PPC). Pero tamén somos, engadiu, o Partido da industria. Pedro Sánchez, e o seus socios independentistas, é dicir, o BNG, entre outros; son os responsables directos da ameaza de peche que pesa sobre Alcoa dende hai tantos meses”.
“Son os do non polo non, malia que saben que a solución está nun marco enerxético competitivo”. E, nesta negativa, segundo concluíu Villares, “é cómplice o Bloque Nacionalista Galego, que á mínima de cambio non dubida colocarse detrás da pancarta e ao mesmo tempo oponse aos parque eólicos que ofrecerían á factoría enerxía a un prezo que permitiría a súa continuidade e, por tanto, o mantemento da produción e dos empregos que xera tanto directos como indirectos”.
UNIDADE PARA DEFENDER Á XENTE E A XESTIÓN CON SENTIDIÑO
Mariña Gueimunde sinalou durante a súa intervención que “Europa necesítanos e nós necesitamos a Europa” e, polo tanto, pediu “facer os deberes” este domingo acudindo a votar ao Partido Popular “demostrando o que somos: un pobo que prefire a xestión do sentidiño, de ter as cousas claras e de defender á xente -tanto a nivel municipal, como autonómico, como nacional e tamén en Europa- sen deixarnos coaccionar por terceiros nin vendernos a costa de perpetuarnos no poder”.
A presidenta do PP de Viveiro e portavoz municipal asegurou que “os nosos proxectos son a esperanza de España” ante “un panorama desolador” debido aos “varapaus que sufrimos tanto contra a Constitución e os principios de igualdade e liberdade de expresión coma contra o modo de vida dos galegos, os nosos empregos e as nosas industrias” que cre que “hai que corrixir”.
Gueimunde subliñou que “o Partido Popular é un partido unido” que “seguirá forte” para enfrontar a situación tanto en Viveiro coma en España onde “gañamos as eleccións, pero onde estamos na oposición debido aos pactos dos perdedores”.