Ribadeo, 27 de xuño de 2024. Do 30 de xuño ao 13 de outubro terá lugar unha nova edición do Mercado dos Domingos, que foi presentado hoxe en Ribadeo.
A concelleira de Comercio e Promoción Económica, Marta Saiz, manifestou que “coa chegada do verán, retómanse actividades e tradicións propias desta época. Unha delas é o Mercado dos Domingos, que xa vai pola vixésima terceira edición e que se desenvolve nas inmediacións da Praza de Abastos de Ribadeo cada domingo de verán. A nova tempada dará comezo este mesmo domingo, 30 de xuño, e rematará o 13 de outubro”.
O Concello de Ribadeo organiza este mercado en colaboración coa Asociación de Produtores da Horta A Sucadoira. Saiz dixo que “se trata dun mercado de proximidade de produtoras e produtores da zona, sen intermediarios, onde se poden atopar produtos da horta, pan, ostras, queixo, embutidos, zumes e marmeladas, coitelería, doces, setas, e como novidade haberá mel e derivados”.
A edil ribadense subliñou que “o Mercado dos Domingos pon en valor a economía de proximidade, potenciando o consumo de tempada e saudable, coidando do medio, beneficiando a nosa economía local e dinamizando a vila”.
A concelleira de Comercio explicou que “este mercado terá lugar, como cada ano, na contorna da Praza de Abastos de Ribadeo en horario de 9:00 a 14:00 horas. Congregará a 17 produtores e produtoras da zona. Coa posta en marcha desta nova edición, ao longo de máis de tres meses, dende este domingo día 30 ata o 13 de outubro, no Concello de Ribadeo contaremos cun espazo máis para o encontro da alimentación, a sustentabilidade e a agroecoloxía”.
Na presentación participaron, xunto a Marta Saiz, a presidenta de A Sucadoira, Ana Díaz, e produtores locais.