Este venres ás 20 horas o grupo teatral Ollomao presentará na Casa da Cultura a súa obra O traballo de Andrea, sendo o sábado a representación á mesma hora de A Lola, de Avelaiña Teatro. O domingo nunha función familiar ás 18.30 horas, na mesma Casa da Cultura, poderá desfrutarse de Avoa, xogamos?, da compañía Alentía Teatro.
O domingo a partir das 11 da mañá, unha nova edición da Feira da Espiñeira dará comezo. Coma o ano pasado, os animais estarán situados nun prado traseiro do Campo da Feira, habilitado para acoller os mesmos. Haberá mercado, música e carreiras de cabalos, así coma pulpería para gozar dun día especial para os amantes dos animais.
Esta fin de semana tamén será o Festival infantil do Feitizo, este ano en colaboración coa asociación O Atrio de Vilaronte, ao lado da igrexa, no propio atrio. Será o sábado ás 19 horas. E a continuación haberá pregón e churrascada, organizada pola comisión do San Xoán de Vilaronte.
O alcalde e o concelleiro de Festas, Fran Cajoto e Ángel Fernández, desexan que “veciñ@s e visitantes se acheguen a todos os eventos que se organizan en Foz e que pregoan a chegada do verán”.