Site icon Crónica3.com A Mariña

“Coidade dos mares, coidade das súas xentes”, mensaxe do bispo de Mondoñedo-Ferrol co gallo da festividade da Virxe do Carme

Un ano máis dispoñémonos a celebrar a festividade da Virxe do Carme, advocación tan arraigada no noso pobo. Chámame a atención o agarimo que o noso pobo cristián profesa á Virxe, a nosa Nai. Son innumerables os xestos que manifestan ese agradecemento e oración que a nosa xente eleva cara á Nosa Señora. Sen dúbida, expresión dunha confianza que non foi defraudada, proba dunha oración que foi escoitada e acollida.

Entre estes xestos cabe sinalar os que fan referencia ao agarimo que as xentes do mar dispensan á Virxe do Carme: a súa imaxe sempre presente en todos os barcos e en todos os portos; xestos, tradicións e costumes aprendidos desde nenos que axudan a cultivar esta devoción e agarimo a María; as procesións e bendicións marítimas…

E é que a Virxe do Carme é para nós, especialmente para as xentes do mar, “guía, porto seguro e estrela dos mares”. Son imaxes fermosas que nos permiten comprender o lugar que ten María na vida cristiá. Desta maneira, sempre en referencia a Cristo que leva nos seus brazos, axúdanos no camiño da salvación. En efecto, son varias as imaxes da Virxe do Carme que, na nosa diocese, está representada salvando do naufraxio aos mariñeiros desafiuzados. Ela, porque foi a primeira en experimentar os froitos da Salvación, pódenos indicar camiños que nos axuden a saír da escuridade, do sinvivir, do naufraxio, do ocaso… Acudamos a María sempre porque Ela nos levará ao Salvador!

A festa do Carme lémbrame un encontro que tiven hai poucos días cuns homes que, ben orgullosos, ao pedirme unha bendición, dicíanme que eran mariñeiros. Con eles compartín brevemente algunhas das preocupacións que quero expresar convosco.

Faláronme da beleza do seu traballo, que eles mamaron desde a súa infancia no fogar familiar, do seu traballo entendido e vivido como vocación. Que fermoso! Cando hoxe estase perdendo esta clave vital, creo que é preciso poñela en valor. Por iso, orgullosos falaban do seu traballo que lles enchía, no medio dunha natureza fermosa, aínda que moitas veces torna hostil e difícil.

Comentáronme tamén as dificultades do seu traballo. Certamente que as circunstancias teñen pouco que ver coas que coñeceron os seus pais e avós, pero seguen sendo complexas nunha cultura cada vez máis hedonista, con outros valores que dificilmente harmonizan coa vida no mar. Quizais isto está na base da falta de substitución. E se miramos cara ao exterior, non podemos obviar a deterioración nos dereitos laborais e as situacións de inxustiza, explotación e desigualdade manifestas.

Desde logo, atopámonos ante un mundo moi diverso, con moitos rostros, plurais e diferentes. A chegada dos inmigrantes é boa proba diso, especialmente os que se estableceron entre nós procedentes de Cabo Verde, Perú e Indonesia principalmente. Pero tamén é diversa a pluralidade de funcións: as tripulacións das embarcacións que transportan mercadorías, os operarios portuarios, os operadores de remolcadores e os estibadores, os gardacostas, o persoal de tráfico marítimo e de salvamento, os axentes de aduanas, os pescadores, os mariscadores… E non podemos esquecer os ámbitos que se moven ao redor deste ámbito invisible da nosa sociedade, como son as redeiras, conserveiras… e, sempre, as súas familias.

Tamén me axudaron a coñecer mellor esta terra. Comentáronme que na nosa diocese, especialmente en Burela, Celeiro e Cedeira, hai uns 300 barcos e unhas mil familias que viven directamente do mar, o que supón en torno ao 5 % do PIB da nosa zona. E non puido faltar un comentario sobre os temas ecolóxicos, para eles do maior interese, (pois ser pescador é moito máis que sacar peces do mar), porque as “cláusulas espello” están a dificultar enormemente o seu traballo e o seu futuro…

Ao celebrar a Virxe do Carmen non podo deixar de pedir por todas estas xentes, recias e diversas que satisfán tantas das nosas necesidades. Que o seu espírito manifestado nos portos nos axude a cultivar esa necesaria fraternidade universal e amizade social. E que nosa Igrexa, as autoridades e a sociedade artellen medidas para seguir coidando deles e coidando dos nosos mares.

O voso irmán e amigo,
Fernando García Cadiñanos
Bispo de Mondoñedo-Ferrol

Exit mobile version