Participaron máis dun cento de nenos e nenas entre as modalidades de patinaxe artística, voleibol, ximnasia rítmica e multideporte
Cervo, 14 de xuño de 2024. O Concello de Cervo despediu oficialmente a pasada fin de semana a tempada das Escolas Deportivas Muncipais que contaron coa participación de máis dun cento de nenos e nenas nas modalidades de voleibol, patinaxe artística, ximnasia rítmica e multideporte.
Para clausurar o curso, o Concello de Cervo, a través da delegación de Deportes, organizou unha serie de eventos e actividades, para que os pequenos/as puidesen amosar as habilidades adquiridas nestes meses.
Así, o pasado venres tivo lugar no pavillón do CEIP de Cervo a clásica exhibición de patinaxe artística e de ximnasia rítmica na que participaron máis de medio cento de mozos e mozas que amosaron a súa destreza sobre os patíns e sobre o tapiz. Xa o sábado tivo lugar o VII Torneo de Volei Concello de Cervo organizado polo Club Deportivo San Ciprián e polo Concello de Cervo, no que tamén participou o EDM Cervo.
En cada un dos actos desde o Concello de Cervo fíxose entrega dun diploma personalizado e dun agasallo a cada alumno/a que formou parte das Escolas Deportivas Municipais nesta tempada.