O acto de inauguración terá lugar o luns 17 de xuño, ás 10.00 h, no Parque de Rosalía de Castro
Burela, 14 de xuño, 2024. O Concello de Burela, ABANCA e Afundación presentarán o vindeiro luns 17 de xuño, ás 10.00 h, no Parque de Rosalía de Castro de Burela, a exposición «Viaxando. Coleccións de Arte Afundación e ABANCA». Asistirán a alcaldesa do Concello de Burela, María del Carmen López; o coordinador institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez; o director de zona de ABANCA na Mariña, Carlos Teijeiro; o director da oficina de ABANCA en Burela, José Javier Parga; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
«Viaxando. Coleccións de Arte Afundación e ABANCA» estará nas rúas Burela ata o vindeiro 9 de xullo. É unha proposta que amosa pezas das Coleccións de Arte Afundación e ABANCA que convidan a viaxar, ben por Galicia, ben arredor do mundo. A cronoloxía das pezas vai desde finais do século XIX ata a actualidade, e cada unha delas vai acompañada dun texto escrito pola crítica de arte Mercedes Rozas. O concepto do proxecto é a viaxe, que sempre supuxo unha procura de bagaxe intelectual, un desexo de experiencia e un xeito de descubrir novos rumbos para a produción artística.