A lectura continuada de Siríaco e Mr. Charles, do caboverdiano Joaquim Arena, reunirá por volta de 150 participantes
Burela, 7 de xuño, 2024. A iniciativa educativa Modelo Burela, que se mantén en funcionamento continuado desde o ano 2003, pon de novo o foco de atención na inclusión social das diferentes comunidades migrantes e con esa finalidade organiza o IIº Día da Literatura Caboverdiana, que conta coa participación activa de 150 persoas.
O próximo 11 de xuño, no Instituto Perdouro, organiza unha lectura continuada da obra Siríaco e Mr. Charles, do autor caboverdiano Joaquim Arena, publicada en 2022 e gañadora do prestixioso Premio Oceanos en 2023. Ambientada na illa de Santiago, en Cabo Verde, os protagonistas son o mozo Charles Darwin e Siríaco (coñecido como « o home tigre »), un vello negro, antigo escravo oriundo do Brasil, que sofre de vitilixe, unha doenza que provoca a perda da pigmentación da pel.
A inauguración do encontro está prevista para as 10 :15 horas. Abrirá as intervencións o estudante Isaac Sosa, orixinario de Cabo Verde e que chegou a Burela despois de pasar por Francia. Seguidamente tomarán a palabra a profesora Vanessa Vila-Verde, en representación da comisión organizadora ; Carmela López Moreno, alcaldesa de Burela ; e o escritor homenaxeado, Joaquim Arena, que participará por vídeo-conferencia desde Lisboa, onde acaba de participar na Feira do Libro da capital portuguesa.
O inicio das sesións de lectura está previsto para as 11:30, xusto despois da foto de familia. Tras Joaquim Arena lerán a alcaldesa de Burela e esta dará paso á comunidade educativa do Instituto Perdouro. Entre as 13:00 e as 14:00 horas realizarán as súas lecturas o artista Nuno Pico (« Grande Amore »), Conchi Pernas Díaz e o persoal do servizo municipal de atención ás migracións ; e finaliza a sesión matutina o escritor Lionel Rexes.
Durante a hora e media reservada para o xantar de irmandade, a celebrar no propio instituto, proxectaranse as lecturas gravadas en vídeo por profesorado e alumnado dos institutos Gamallo Fierros de Ribadeo, Díaz Castro de Guitiriz, IES do Milladoiro e San Clemente de Santiago de Compostela.
O programa da tarde dará comezo ás15:30 horas. Xunto con representantes das asociacións culturais de Burela, participarán Alfredo Llano, Paula Jorge, Rocío Rivera, Luzia Oca, Ramón Reimunde, Elías Torres e Felisa R. Prado (decano e profesora de Literatura Caboverdiana da Faculdade de Filoloxía da Universidade de Santiago), a futbolista Daniela Domingues e diversos representantes de medios de comunicación, entre eles o Director da Rádio Comercial de Cabo Verde.
Para as 18:00 horas está prevista a sesión de clausura para a que se conta coa participación de María José Pardiñas, directora do IES Perdouro ; Edilson S. Tavares, filólogo especialista en Linguas Modernas ; e Mario Pillado. Tenente da Alcaldía e concelleiro responsabilizado das áreas de Xustiza Social, Xuventude e Inmigración e Cooperación.
Primeiros logros: reforzo da biblioteca caboverdiana e ponte de comunicación galego-caboverdiana
A biblioteca do Instituto Perdouro conta desde 2017 cunha sección dedicada a Cabo Verde. Son un conxunto de libros recibidos en doazón da Presidencia da República, por xestión do escritor agora homenaxeado.
Desde o mesmo momento da convocatoria deste IIº Día da Literatura cabo-verdiana, ese fondo bibliográfico incrementouse con exemplares dos libros de máis éxito de Joaquim Arena.
Por outra parte, desde datas recentes Arena conta con entradas en diferentes wikipedias (https://gl.wikipedia.org/wiki/Joaquim_Arena). O autor dos textos é o profesor Anxo González Guerra, o mesmo que mantén a obra pedagóxica www.ogalego.eu, utilizada por millares de estudantes galegos como complemento formativo para os niveis de ESO, Bacharelato e preparación das ABBAU.