Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo celebra diferentes actividades coa mocidade polo Día mundial do Medio Ambiente

Entre as propostas, “nas que quixemos involucrar aos tres centros educativos do municipio” houbo unha plantación de árbores autóctonas nun monte municipal ou unha sesión de recollida selectiva de lixo na praia da Caosa

Cervo, 5 de xuño de 2024. O Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, programou con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora cada 5 de xuño, unha serie de actividades de sensibilización dirixidas á mocidade “para as que quixemos involucrar ao alumnado dos tres centros educativos do municipio”, tal e como precisou a edil responsable, Mali Méndez.

A programación arrincou a primeira hora desta mañá no IES Marqués de Sargadelos, cunha visita da concelleira que lle entregou ao centro diferentes plantas aromáticas –romero,pirixel, tomiño, ourego, lavanda….- para inaugurar o invernadoiro recentemente instalado coa colaboración do Concello de Cervo no patio do instituto.

Nesta recepción estivo presente o alumnado de 3º da ESO que a continuación participou nunha plantación de castiñeiros na finca municipal do Polígono de Cuíña “co obxectivo de contribuír a crear un bosque autóctono mixto para perimetrar este Polígono e que poida servir de cortalume no caso de que se declare un incendio”.

A actividade prolongouse ata o mediodía, e os rapaces aprenderon tamén algunhas técnicas e habilidades para traballar o bosque e crear así un Souto para desfrute de toda a veciñanza.

Como agasallo pola súa participación levaron para as súas casas cadansúa planta aromática.

A continuación foi a quenda do alumado de sexto do CEIP Península da Paz e do CEIP de Cervo que fixeron unha saída de campo para recoller lixo na Praia da Caosa, “a fin de sensibilizar sobre a importancia de reducir o impacto do lixo nos nosos mares e de mellorar o proceso de xestión de residuos en prol dunha economía circular”, precisou Méndez.

Desde o Concello de Cervo quixeron agradecer a colaboración da comunidade educativa á hora de participar sempre en todas cantas propostas xorden, nesta ocasión relacionadas co coidado e o respecto da contorna.

Exit mobile version