A rexedora, Dolores García Caramés, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, mantiveron un encontro con eles para avaliar a experiencia e desexarlles sorte e éxitos no seu futuro
Cervo, 20 de xuño de 2024. A rexedora, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, mantiveron un encontro con Sara Fernández, Bruno Lopes, Diego Ricardo, Miguel Rodríguez e Bruno Fernández, alumnado de FP que estivo realizando prácticas durante estes meses en diferentes departamentos do Concello, en función da súa formación, desde ciclo de Formación Profesional ata Formación Dual, que combina a formación teórica e práctica recibida nun centro educativo coa actividade nun centro de traballo, recibindo unha remuneración.
O encontro serviu tamén para avaliar a experiencia que todos cualificaron como “moi proveitosa” e tamén para poñer en valor a colaboración existente entre a comunidade educativa e a administración local “sempre abertos e dispoñibles para acoller a todo o alumnado que desexe esa primeira toma de contacto coa súa administración máis próxima”; unha oportunidade que tamén lles podemos brindar –engadiu a alcaldesa- “grazas á forte aposta que facemos pola xestión directa dos servizos municipais que lles permite aos estudantes optar por un abano máis amplo de posibilidades á hora de realizar as súas prácticas”.
Neste senso, a alcaldesa quixo recordar o convenio que ten o Concello de Cervo coa Universidade a través das bolsas de formación remuneradas que desde o ano 2013 que decidimos poñer en marcha esta iniciativa “xa aproveitaron máis de cen mozos e mozas, que recibiron formación práctica remunerada nos diferentes departamentos da administración”, como son a sección de informática, intervención, tesourería, contabilidade, secretaría, medio ambiente, turismo, educación para a saúde, servizos sociais, policía local, no departamento de persoal, na Escola Infantil ou no departamento de obras, entre outras.
Ofrecémoslles así aos rapaces unha primeira oportunidade nunha contorna laboral real –apuntou- e, ao tempo que completan a súa formación, eles tamén nos brindan un importante reforzo en moitos dos departamentos do Concello, “contribuíndo así tamén a mellorar a calidade dos servizos que prestamos aos nosos veciños polo que entendemos, e así lle lo transmitimos tamén a eles, que a súa aportación está a ser fundamental”
A alcaldesa e a concelleira agradecéronlle a estes mozos que estiveron estes meses no Concello a súa implicación e compromiso nas tarefas que realizaron para completar a súa formación –nos departamentos de Medio Ambiente, Obras e a oficina técnica- “agardando que a experiencia resultase moi positiva para contribuír tamén a abrirse camiño nun mercado laboral cada vez máis competitivo”.