Competirán uns 250 nadadores de 27 clubs de toda Galicia
Cervo, 17 de xuño de 2024. O Concello de Cervo acollerá esta próxima fin de semana, o 22 e o 23 de xuño, o Campionato Galego Alevín de Natación que se celebrará na Piscina Municipal Olímpica de Lieiro.
Na presentación da proba participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, o presidente do Club Natación Xove, Alberto Pigueiras, o secretario da Federación Galega de Natación, Ramón Mosquera, e a tenente alcalde e a concelleira de Servizos Sociais e Muller do Concello de Xove, Dolores Meitín e Tamara Soto, respectivamente.
No campionato, que organizan o CN Xove e a Federación Galega de Natación, coa colaboración dos Concello de Cervo e Xove e da Xunta de Galicia, participarán 250 nadadores, pertencentes a 27 clubs galegos.
O rexedora cervense afondou na importancia que ten para Cervo “acoller unha competición deste nivel, que supón un escaparate de primeira orde, que atraerá a moitísima xente ao longo de toda a fin de semana, entre nadadores, público, adestradores e delegados”.
Temos o privilexio en Cervo –engadiu- de contar cunha piscina municipal olímpica, de 50 metros e 8 pistas, única destas características en toda a provincia de Lugo, e das poucas que hai en Galicia o que a converte na mellor das instalacións para acoller un evento deportivo desta categoría”.
A rexedora quixo destacar así mesmo que é un luxo poder ver en Cervo
a tantas promesas da natación xuntas “grazas ás infraestruturas deportivas que temos no municipio e á estreita colaboración que mantemos co Club Natación Xove , que atrae este tipo de campionatos para a nosa zona”
O Concello de Cervo convida a veciños e visitantes a acudir a Cervo nunha fin de semana na que poderán gozar, de xeito gratuíto, dun evento deportivo que contará coas mellores promesas da natación galega, ao tempo que poderán coñecer os atractivos culturais, gastronómicos e paisaxísticos de todo o Concello.
A competición terá lugar o sábado e o domingo, en sesión de mañá e tarde.