O Código Penal sanciona como malversación de diñeiro público dous tipos de condutas das autoridades, cargos e empregados públicos : i) as chamadas de malversación “stricto senso”, é dicir, facer propios ou permitir que un terceiro faga propios ou usar para fins persoais, sen se integrar no patrimonio propio, medios ou recursos públicos existindo en calquera destas condutas ánimo de lucro e ii) o malbaratamento impropio, no que se lle da ao patrimonio público, por algún dos devanditos cargos ou empregados públicos, unha aplicación diferente á do seu destino, sen ánimo de lucro nin apropiación ou uso persoal nin por terceiros.
Cómpre sinalar que esta malversación impropia non foi delicto até a reforma do Código Penal de 2015, aprobada pola maioria absoluta do PP e vixente dende o 1 de xullo daquel ano. Unha reforma deseñada para perseguir, xa na altura, a anunciada convocatoria dun referéndum de independencia polas autoridades catalás, pois que a consulta cidadá de 2014 convocada polo president Artur Màs só puído ser perseguida penalmente como desobediencia.
A lei orgánica de amnistía, vixente dende o 11de xuño, inclúe no seu perímetro os delictos de malversación destinados a financiar ou facilitar actos desenvolvidos para reivindicar, promover ou procurar a independencia de Catalunya e /ou o desenvolvemento da consultas cidadá de 9-N 2014 e do referéndum do 1-Ou de 2017 ou que contribuisen a estas fins, sempre que non existise propósito de enriquecimento persoal em cadanseu autor. A propia lei de amnistía afortala esta tan nidia redacción definindo de xeito inequívoco o concepto “enriquecimento” como intención de obter un beneficio patrimonial persoal. Xa que logo, calquera aplicación desviada ou seica ilegal de fondos públicos dirixida ao financiamento de calquera destes actos e actividades entra no ámbito da amnistía sempre que se desenvolva sen esa intención subxectiva de obter un beneficio patrimonial persoal.
No decurso do xuizo do procès fora moi criticada a condena por malversación impropia a Junqueras, Forn, Turull, Romeva e Bassa, que facian parte do Goberno catalán operante en setembro e outubro de 2017, pois que daquela rexía a intervención das finanzas catalás por parte do Goberno do Estado, fachendeando entón o ministro Montoro de que non se aplicara a fins non comprobados por Madrid cantidade ningunha. Mais, en calquera xeito, a sentenza do procès é definitiva en Dereito (suxeita certamente á súa revisión polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, onde penden de sentenza os recursos das persoas condenadas… e seica vai ser potente o seu resultado, xa verán…).
Neste contexto a Sala do Penal do Tribunal Supremo rexeitou o 1 do corrente mes (co voto particular disidente da maxistrada Ana Ferrer) que o delicto de malversación polo que foran condenadas estas persoas fose amnistiábel, pois que para eles si houbo intención de beneficio patrimonial persoal, ao se destinar recursos públicos ás devanditas actividades, evitando que as mesmas tivesen que ser financiadas persoalmente polos mesmos condenados. Esta tese tamén foi a da resolución, da mesma data do maxistrado instrutor do mesmo Tribunal, Pablo Llarena, a respecto do sumario que segue polo mesmo delicto en relación cos feitos de 2017 contra o president Puigdemont e os consellers Puig e Comín. Nos dous casos, asemade, desbótase remitir cuestión prexudicial ou de constitucionalidade aos Tribunais de Xustiza da Unión Europea e Constitucional, por considerar a súa interpretación como indubidábel.
In claris non fit interpretatio, Onde hai claridade non cómpre interpretar. Neste suposto non é posíbel unha interpretación contraria ao perímetro legalmente definido da amnistía, pois que; i) está clara a definición do lexislador a respecto das condutas aministiadas tanto polo texto aprobado como pola súa xénese nun procedemento lexislativo nomeadamente atento, dende o rexeitamento por JuntsxCat a fins de xaneiro do primeiro texto, a definir as malversacións amnistiábeis e ii) a interpretación do Dereito Penal sempre ha ser restritiva, nunca extensiva.
Seica os maxistrados do Supremo que asinaron ambas as dúas resolucións sabían todo isto. Velaí a gravidade do conflito constitucional creado polo rexeitamento do máximo intérprete da lei penal a aplicar a que ven de aprobar o lexislador. No sistema xurídico español, ademais, esta interpretación vencella a todos os tribunais penais que teñan de aplicar a lei de amnistía. O conflito instiucional non hai quen o pare, polo menos polo de agora.
Só o Constitucional (TC) poderá corrixir esta interpretación ao resolver os recursos de amparo que as persoas condenadas catalás, nun caso, e as investigadas, noutro, presenten contra as resolucións do Supremo . O que levará, de certo, varios meses, quizais case un ano. Mais a chave política será a suspensión cautelar das medidas de prendemento que o Supremo mantén a respecto do president e consellers polos delictos amnistiábeis, nos poucos días logo da súa chegada ao TC.
As persoas do mundo do Dereito ficamos aterrecidas cando vemos que os seus máximos intérpretes afástanse da lei e ollan cara á política partidista Indo cara esa política que executou o 155 e defendeu no seu momento Carl Schmitt que nos nega ás cidadanías desas nacións que non fan parte da España española (na moi acaída definición do profesor da UDC, Miguel Anxo Bastos), os mesmos dereitos que desfrutan os que alí viven, actúan e xestionan.