Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Cara á Europa dos pobos?”, por Xoán Antón Pérez Lema

Este 16 de xullo comeza unha nova lexislatura do Parlamento Europeo (PE), sinalado por un certo avance da extrema dereita que, porén, non ten incrementado substancialmente a influencia da primeira ministra italiana, Giorgia Meloni (como semellaba despois das elección do 9 de xuño e da cimeira do G-7), diante do pacto entre o Fidesz húngaro, o RN francés de Martine Le Pen, Chega, Vox e outros elementos extremistas para integrar un novo grupo.

O PE non monopoliza a potestade lexislativa na EU, senón que partilla a mesma co Consello Europeo, que é um órgano interestatal formado polas presidencias dos gobernos dos 27 Estados Membros (EM). agás no caso de Francia, onde senta quen preside a República. Malia que a iniciativa lexislativa perténcelle á Comisión Europea, que é un órgano que representa ao conxunto da UE, indubidábelmente o peso dos EM segue a ser moi importante. Europa é moito máis -polo menos até de agora- unha Europa dos Estados ca unha Europa das nacións e dos pobos.

Sendo isto certo, semella que os Estados pequenos e medianos incrementan a súa influencia. Por unha banda a regra da unanimidade dálles unha forza moi importante a EM con menos poboación ca Galicia (e hai seis destes :Eslovenia, Lituania, Letonia, Estonia, Chipre, Malta e Luxemburgo). Pola outra a nova Comisión Europea terá unha estonia ( a liberal demócrata Kaja Kallas) fronte da política exterior e a un portugués (o socialista António Costa ) á fronte do Consello Europeo.

Por outra banda, nos catro principais EM (Alemaña, Francia, Italia e o Estado español) existen evidentes tendencias centrífugas (quer soberanistas, quer autonomistas) que cuestionan a xestión centralizada e a confusión do Estado coa Nación. Tendencias que conectan cunha gobernanza dende os distintos servizos da Comisión Europea que atende na súa xestión e desenvolvemento capilar no territorio a técnicas de descentralización, malia a forza que nas últimas decisións lexislativas teñen os EM .

Neste contexto os vinte e tres EM que non son as catro principais potencias tenden acordar entre si a limitación do peso relativo destas, mentres medra no seu interior a reivindicación autonómica ou territorial. Velaí a decisión consensuada, nesta primavera de 2024, da Asemblea corsa e da Presidencia da República francesa para reformar a Constitución e, deste xeito, aprobar un Estatuto de Autonomía para aquela nación insular, que axiña vai ser repenicada, canto á súa reivindicación,. dende Bretaña e Euskadi Norte. No Estado español semella difícil unha gobernanza que esqueza a realidade dos millóns de votos soberanistas en Galicia, Euskadi, Catalunya, les Illes, País Valencià ou Nafarroa. Na Italia medran tamén as tensións e reivindicacións territoriais, mentres nos catro Estados perde sentido a idea de Estado-Nación centralizado (propia da época na que os países europeos facían a guerra uns contra os outros) no contexto dunha Unión Europea que desterrou as guerras internas mentres amosou que estes Estados-nación ao xeito italiano ou francés son moi pequenos para xestionar as políticas monetaria, diplomática ou de defensa e moi grandes para xestionar a sanidade, educación, servizos sociais e políticas ambientais, de ordenamento do territorio e de promoción económica.

Velaí a ocasión para que dende os partidos da Alianza Libre Europea ( ao que pertence o BNG, que partilla no PE por dereito propio coa eurodeputada Ana Miranda) e os outros que non pertencen á mesma (por exemplo JuntsxCat integrará os non adscritos e o PNV o grupo dos liberais demócratas de Renew Europe) e dende as organizacións sociais e gobernos territoriais se traballe a prol deste proceso cara unha Europa cada vez máis dos pobos e-tamén- da cidadanía, único xeito de construir unha UE autónoma, competitiva no económico e operante no político, que sexa, tamén, quen de recuperar o liderado perdido canto aos valores no mundo.

Exit mobile version