“Burela é un concello aberto, respectuoso e plural, coa celebración do Orgullo damos pasos para acadar unha igualdade real”, sostén a alcaldesa, Carmela López.
“Dende o concello sumámonos ás reivindicacións do colectivo LGTBI+, defendendo a liberdade de calquera persoa de vivir a súa orientación sexual e identidade de xénero libremente”, engade pola súa parte a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Alejandra Fernández.
O martes 25 de xuño, ás 18.30 no salón de plenos da Casa do Concello, terá lugar un obradoiro, impartido pola Asociación ALAS A Coruña, sobre Diversidade LGTBI+, ‘Conceptualización básica de diversidade e dinámica de historia da Comunidade LGTBI+’.
O 27 de xuño, ás 18:30 no salón de plenos da Casa do Concello, haberá unha charla, impartida pola asociación ARELAS, sobre ‘Vivencias Trans, do mito á realidade’, centrada na realidade trans infanto-xuvenil.
O día 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBI+, ás 19:00 na praza do Concello, procederase á lectura do manifesto institucional cunha mostra de baile tradicional, coa actuación do grupo Grileiras.
O concello de Burela apoia as reinvindicacións do colectivo LGTBI+, que non son outras que poder vivir en liberdade segundo a súa orientación ou condición sexual.