Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela celebrará o II Día da Literatura Caboverdiana cunha lectura colectiva

Modelo Burela organiza unha lectura continuada da obra Siríaco e Mr. Charles, do autor caboverdiano Joaquim Arena

Burela, 2 de xuño, 2024. A iniciativa educativa Modelo Burela, que se mantén en funcionamento continuado desde o ano 2003, celebra o IIº Día da Literatura Caboverdiana para continuar a pór o foco de atención na presenza da comunidade caboverdiana nesta localidade pesqueira do Cantábrico galego.

O próximo 11 de xuño, no Instituto Perdouro, organiza unha lectura continuada da obra Siríaco e Mr. Charles, do autor caboverdiano Joaquim Arena, publicada en 2022. A obra escolida relata uma improbábel amizade que decorre na illa de Santiago, en Cabo Verde, entre o mozo Charles Darwin e Siríaco, un vello negro, antigo escravo oriundo do Brasil, que sofre de vitilixe, unha doenza autoinmune na que se dá unha perda da pigmentación da pel.

Desde as 10 horas da mañá, o momento da inauguración, a lectura estará en marcha durante oito horas e finalizará ás 18 horas coa clausura do encontro.

Desde o comezo ao fin da xornada o protagonismo estará centrado na poboación escolar, mais tamén nos membros das súas familias, nos referentes culturais así como no profesorado e persoal docente.

Segundo Vanesa Vila Verde, portavoz de Modelo Burela,”após o sucesso do encontro organizado no ano passado, consideramos que este tipo de encontros deve ter continuidade, pois constituem uma ferramenta necessária para a aproximação entre culturas”.

Participación aberta

Como a participación presencial non é posíbel en moitos casos, a organización do encontro abriu a posibilidade da participación “online”, conectando por videoconferencia ou enviando un vídeo gravado. Así, Burela estará en comunicación directa co Atlántico africano e con diferentes puntos da península Ibérica.

Primeiros logros

A biblioteca do Instituto Perdouro conta desde 2017 cunha sección dedicada a Cabo Verde. Son un conxunto de libros recibidos en doazón da Presidencia da República, por xestión do escritor agora homenaxeado.

Desde o mesmo momento da convocatoria deste IIº Día da Literatura cabo-verdiana, ese fondo bibliográfico incrementouse con exemplares dos libros de máis éxito de Joaquim Arena.

Por outra parte, desde esta semana Arena conta con entradas en diferentes wikipedias (https://gl.wikipedia.org/wiki/Joaquim_Arena). O autor da entrada é o profesor Anxo González Guerra, o mesmo que mantén a obra pedagóxica www.ogalego.eu, utilizada por millares de estudantes galegos como complemento formativo para os niveis de ESO, Bacharelato e preparación das ABBAU.

Exit mobile version